Sábado 30 de marzo

Poesía galega contra os marcos no Porto

“Desembarco de poesía galega no Porto”. Así define Edicións Positivas o evento que organizou para este sábado 30 de marzo na Livraria Poetria da cidade portuguesa. Oito poetas do norte do Miño, algúns con libro do trinque, lerán os seus textos a partir das 19.00 horas.
 

Porto,_Portugal_(6253930521)
photo_camera Imaxe do Porto. Foto: Rui Bittencourt (Wikipedia).

Arrincando os marcos é o epígrafe da xornada. Porque, explica o editor Paco Macías nas redes sociais, “trátase de tentar arrincar algúns dos marcos que impiden que a poesía, a cultura, a vida, flúa en liberdade”. Estreitar os lazos entre Galiza e Portugal fai parte, desde hai anos, das obsesións de Macías. O día comezará ás 15.30 horas coa "entrega de cravos vermellos na estatua de Rosalía de Castro" na Praza de Galiza.

Desta volta as oito autoras que viaxan ao Porto publican ou publicaron con Positivas. Roi Vidal (Compostela, 1982) está a piques de sacar no selo de Macías o seu segundo libro de poemas. Xabier Xil Xardón (Xinzo de Limia, 1983) fixo o propio con Detéxtonos (2018). Paula Carballeira (Fene, 1972), hai quen escolle os camiños máis longos (2018).

Raúl Gómez Pato (Ourense, 1966) é un clásico de Positivas, que xa lle publicou choiva, vapor e velocidade (1999), a casa deshabitada da familia Pena (2001), Tratado de Zooloxía para corazóns mancados (2010), verba quae supersunt (2003) ou a tradución da obra de Safo. Prepara un novo título. Igual que Eduardo Estévez (Bos Aires, 1969), que xa dera ao prelo da editora construcións (2008).

Dous debutantes en Positivas, Quico Valeiras con O tempo das cireixas (2019) e Suso Díaz cunha obra aínda por saír, e mais Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988), que xa o fixo con Vinte en escena (2012) e Ningún amante sabe conducir (2014), completan a proposta.

Comentarios