A poesía erótica de Carvalho Calero protagoniza o espectáculo 'Eterna e múltipla'

O evento será a cuarta feira 23 no Museo de Pontevedra, e emitirase en streaming a través da web da Deputación. Desde a organización destacan esta faceta menos coñecida do ferralán, a quen consideran primeiro autor que escribiu poesía erótica en galego. 
Detalle do cartel de 'Eterna e múltipla'. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Detalle do cartel de 'Eterna e múltipla'. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O Museo de Pontevedra será escenario a próxima cuarta feira, ás 20 horas, de Eterna e Múltipla, un espectáculo “interxeneracional e interxénero” coa poesía erótica de Ricardo Carvalho Calero.

O evento, incluído dentro da programación do Departamento de Lingua da Deputación co gallo das Letras Galegas 2020, tivo que ser cancelado o pasado mes de outubro por mor das restricións e retomarase agora con asistencia presencial e tamén con emisión en streaming.

No recital participará o colectivo O fruto e a serpe, que terá como intérpretes principais a Elvira Jardón e Cynthia Mennéndez, para dar voz aos poemas de Carvalho Calero e á súa resposta con material propio nunha conversa lírica na que confluirán diferentes sensibilidades e enfoques sobre relacións e erotismo.

Así mesmo, haberá un acompañamento musical, “suave pero con personalidade e carácter” que, xunto coa iluminación, pretende crear unha atmosfera axeitada para que o público goce do espectáculo.

Presencial e telemático

A deputada de Lingua María Ortega anima á cidadanía a participar deste evento quer de maneira presencial quer de maneira telemática, pois trátase dunha iniciativa e dunha visión moi novidosa do autor.

“Todo o mundo ten unha impresión moi ‘sesuda’ e moi seria, pero tamén ten unha visión máis moderna e innovadora das relacións e das mulleres”, dixo Ortega sobre Calero

“Todo o mundo ten unha impresión moi ‘sesuda’ e moi seria, pero tamén ten unha visión máis moderna e innovadora das relacións e das mulleres”, dixo Ortega sobre Calero.

Subliñou que ademais de ser o primeiro autor que escribiu unha novela en galego despois da guerra, o primeiro que fixo unha gramática en galego, dos que fixo parte da primeira xeración de avogados da Segunda República, o primeiro que redacta un anteproxecto de Estatuto de Autonomía para a Galiza, foi tamén o primeiro que escribiu poesía erótica en galego.

As prazas para participar xa foran cubertas por inscrición previa para a anterior data, mais debido ao cambio de día ficaron libres algúns billetes que se poderán coller a partir das 9 horas da segunda feira 21.

Comentarios