A poesía de tres continentes encóntrase coa lingua galega

O coordinador do volume, Isaac Xubín e a coordinadora do obradoiro que está na súa orixe, Yolanda Castaño presentan en Compostela este 22 de decembro ás 20 horas na libraría Couceiro o volume “Eno mar cabe quant’i quer caber”, o encontro das distintas poesías a través da lingua. 

Encontro poético en San Simón
photo_camera Encontro poético en San Simón

Un galego, un turco, unha estoniana, un asturiano, unha alxeriana, un estadounidense e unha húngara son os autores e as autoras de “Eno mar cabi queant´i quer caber”, un volume coordinado por Isaac Xubín que é o resultado dunha nova edición do intercambio literario e encontro poético a través da tradución que organiza a poeta Yolanda Castaño. 

Xubín foi o poeta/tradutor representante da Galiza na segunda edición do encontro e ao seu coidado nace este volume colectivo que trae a nosa lingua poesía contemporánea de tres continentes. Co título de “Eno mar cabe quant’i quer caber” -que remite ao trobador pontevedrés Paio Gómez Chariño- publícanse poemas do turco Gökçenur Ç, da estoniana Kätlin Kaldmaa, do asturiano Xuan Bello, da alxeriana francófona Samira Negrouche, do estadounidense Lawrence Schimel, da húngara Anna T. Szabó e do propio Isaac Xubín, autor tamén do limiar da obra e das traducións ao galego.  No volume, editado pola Deputación de Pontevedra na súa colección CÍES- recolle tamén os textos nas súas linguas orixinais. 

O libro é resultado da segunda edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador” que coordina a poeta Yolanda Castaño e reúne na Illa de San Simón desde hai tres anos sete autores e autoras que son figuras representativas da poesía dos seus países e teñen á vez experiencia na tradución literaria. Nestas tres edicións pasaron por Galiza dúas ducias de poetas de países como Estados Unidos, Croacia, Finlandia, Romanía, Singapur, Letonia, Alxeria, Islandia, Eslovenia, Turquía, Estonia, Hungría, Cataluña, Euskadi, Asturias e Galicia.

Comentarios