A poesía de Ismael Ramos, protagonista do 'Sermos Galiza' deste sábado

Neste novo número do semanario 'Sermos' afondamos tamén no centenario da artista María Antonia Dans e na obra arquitectónica de Mauro Lomba.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número de Sermos Galiza. O semanario protagonízao, desta volta, poeta Ismael Ramos, que é entrevistado por Montse González após gañar o Premio Nacional de Poesía Xuvenil Miguel Hernández pola súa última obra, Lixeiro (Xerais).

"Neste libro, por un lado, a precariedade impregna todos os afectos escollidos, como a amizade e a parella. Cando hai precariedade económica, acaba enchoupando todo, tocando todo. Porque supón incerteza e por tanto precariedade afectiva. A relación coas amizades e coa parella está marcada pola precariedade contemporánea", sinala nesta conversa que se publica o sábado.

Centenario de María Antonia Dans

O xornalista Manuel Xestoso abre este novo Sermos Galiza cunha reportaxe que leva por título María Antonia Dans. Unha artista na busca do seu relato, co gallo da celebración este ano do centenario do nacemento dunha artista "que ocupou un lugar principal na súa época pero que na actualidade continúa a ser vista desde unha óptica pouco contemporánea".

"María Antonia Dans nace en 1922 en Oza dos Ríos. Cando era aínda moi nena, a súa familia trasládase a Curtis, o lugar de onde extraería no futuro a inmensa maioría das súas imaxes pictóricas. A historia marca desde moi cedo a súa traxectoria. En 1939 matricúlase na escola das Terciarias de Rubine, na Coruña, un lugar habilitado como hospital de atención aos feridos de guerra. Con dezasete anos, súmase aos labores de enfermaría", explica Xestoso.

Mauro Lomba e 'o sensorial'

A segunda reportaxe deste Sermos asínaa Iago Valverde, que aborda a obra arquitectónica de Mauro Lomba, que, "ademais de funcional, busca a compoñente sensorial da arquitectura".

"Un espazo ten que dar unha resposta funcional, pero tamén sensorial e emocional. Os materiais deben transmitir texturas agradábeis ao tacto. Cando entras nun espazo e che apetece botar a man ao pasamáns ou a un moble, quere dicir que hai un poder de atracción nel. A arquitectura ten que dar resposta a todos os sentidos", di o arquitecto.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Fernando Montenegro, que trae as últimas novidades, a comezar por Road to Balance, de David Lojo, mentres Herminio González asina o artigo titulado O Brasil negro e cosmopolita de Gilberto Gil.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, e Anxo Fole ofrece na sección de Cociña un menú de fin de semana composto por cabaza asada, solombo de porco e flan de castañas.

Noutra orde, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros a obra Fútbol contra o estado, de Gabriel Kuhn (Ed. Menino Morreu), así como outras novidades literarias, mentres Inma Otero Varela fala de Pesadelo da creación, de Branca Vilela (Ed. Medulia). Aliás, o colectivo Xea lévanos a facer un percorrido 'de Sanxenxo a Cabicastro'.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!

Comentarios