Poesía balear en galego

O verso aceirado de Pau Vadell chega á Galiza

O poeta balear Pau Vadell presentará súa obra Coas costas dobradas, traducida ao galego por Gonzalo Hermo, na libraría Paz (Pontevedra) 12 de decembro e na Chan da Pólvora (Compostela) 13 de decembro.
Pau Vadell (wikipedia)
photo_camera Pau Vadell (wikipedia)

O balear Pau Vadell é unha das voces máis recoñecidas da súa terra, referencia actual dos Països Catalans após facerse en 2017 cun dos galardóns máis prestixiosos na súa lingua, o Jocs Florals de Barcelona, co libro Esquenes vinclades. Está é precisamente a obra que a editora Chan da Pólvora trae ao galego en edición bilingüe na súa colección Rabo de Egua, liña centrada nas literaturas das identidades e do xénero.

Trátase da primeira tradución ao galego deste autor, que asina o tamén poeta Gonzalo Hermo co título Coas costas dobradas. En declaracións a Sermos Galiza, Vadell móstrase moi satisfeito co resultado, recoñecendo a sorte de contar cun profesional como o rianxeiro, cuxo bo facer non lle é descoñecido. Ademais, amósase contento de que a primeira tradución deste texto —que sairá tamén en italiano en 2020— sexa á nosa lingua.

A obra “nace da reflexión sobre facerse maior e volver á terra natal”, conta Vadell

A editora destaca que se trata “dun poeta que ensaia novas formas de enfrontarse ao eu e á colectividade, cunha lingua poderosa e un verso aceirado”. A obra “nace da reflexión sobre facerse maior e volver á terra natal”, conta Vadell, que a escribiu ao seu retorno a Mallorca despois de pasar varios anos vivindo en Barcelona. De tal xeito, describe o choque cunha cidade turistificada e xentrificada, moi cambiada en pouco tempo, na que sobrevive, con todo, a beleza de certos aspectos do cotián como o ceo estrelado ou do mar a bater contra os cons. Entre as fendas da realidade, agroma o pouso dunha “crítica social de cara a onde nos diriximos”.

Entre as fendas da realidade, agroma o pouso dunha “crítica social de cara a onde nos diriximos”

Pau Vadell presentará o volume o día 12 de decembro na libraría Paz (Pontevedra), acompañado de Xesús Constela, e o día 13 na Chan da Pólvora (Compostela), con Miguel Anxo Fernán Vello. O editor, xestor cultural e historiador balear leva publicados máis dunha ducia de títulos, moitos deles premiados, como Els últims Temple (2009), Sang Cremada (2014) ou Traït (2015). Este ano acaba de publicar o poemario Terra llarga.

comentarios