15 de outubro na Coruña

Poesía árabe e galega “en clave feminista” para abrir o ciclo Poetas Di(n)versos

A décima edición do ciclo Poetas Di(n)versos comeza esta segunda feira, 15 de outubro, no auditoria do Ágora da Coruña. E faino con poesía “en clave feminista e reivindicativa” a cargo da galega Susana Sánchez Arins (Vilagarcía de Arousa, 1974) e da libanesa Joumana Haddad (Beirut, Libano, 1970).
 

Joumana Haddad
photo_camera A poeta libanesa Joumana Haddad. Foto: Lars Krabbe.

“Trátase de dúas loitadoras contra a pobreza, a marxinación e a desigualdade”, sinalan desde a organización do ciclo, que dirixe a poeta Yolanda Castaño. Haddad, xornalista de profesión, “está considerada unha das mulleres máis influíntes do mundo árabe polo seu activismo social e cultural a favor dos dereitos humanos, a liberdade de expresión, a igualdade de xénero e a dignidade das persoas e pobos marxinados”.

Susana Sánchez Aríns

Entre os volumes de poesía publicados por Haddad atópanse títulos como Dúas mans no abismo (2000), O regreso de Lilith (2004) ou Malos hábitos (2007). É ademais fundadora da revista Jadad, dedicada á cultura árabe e de periodicidade trimestral, e escribe para cabeceiras da prensa internacional como The Guardian e Corriere della Sera.

O último libro de Susana Sánchez Arins é o xenericamente híbrido Seique (Através, 2015), unha exploración destemida sobre a memoria da represión, o colaboracionismo e o asentamento do fascismo despois da Guerra Civil. Antes dera ao prelo libros de poemas como (de)construçom (Espiral Maior, 2009), Aquiltadas (Estaleiro, 2012) e A noiva e o navio (Através, 2012). É docente de secundaria, membro da plataforma de crítica feminista A Sega e presidenta da ONG Implicadas no Desenvolvemento.

No recital, que fai parte da programación da Concellaría de Culturas da Coruña, haberá libros á venda das dúas autoras, fornecdios por unha libraría da cidade. As traducións de Haddad ao galego serán da propia Yolanda Castaño.

Nota: a escritora Susana Sánchez Arins, nunha imaxe de Paula Gómez del Valle.

Comentarios