Antón Cortizas, autor de 'Anatomía da lingua'

“A poesía é un analséxico e unha denuncia”

Anatomía da lingua é o último libro de Antón Cortizas (Ferrol, 1954). Editado pola Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) e con ilustracións de Leandro Lamas, ofrece un monllo de poemas co idioma galego como obxecto. “A lingua é unha dor que hai que intentar curar”, explica, “e a poesía é como un analséxico. E unha denuncia”.
 

Antón Cortizas
photo_camera O escritor Antón Cortizas ao carón dunha pintura de Leandro Lamas. Foto: cedida.

Cortizas, cunha ampla traxectoria na literatura infantil, presenta a obra esta sexta feira, no Centro Cívico de Canido de Ferrol ás oito do serán. A vindeira segunda feira, 20 de novembro, farao na Coruña, á mesma hora na sede da asociación cultural Alexandre Bóveda. “O que máis me interesa é falar do problema da lingua”, di, “porque temos que tomar unha determinación. Non é doado”.

- Por que un libro de poemas sobre a lingua?

- Anatomía da lingua foi escrito aos poucos, pero am preocupación polo noso idioma sempre estivo aí. É unha dor, unha cousa latente, que hai que intentar curar. A poesía é un analséxico e, á vez, unha denuncia, nun país coma o noso que abandona o seu. Eu empecei a falar galego aos 16 anos, e a idea de que era a miña lingua foi medrando. Mais estou contento de dominar as dúas. Nun país normal, a xente preocúpase polo seu salario, o seu traballo... Nós, ademais de por todo iso, temos que preocuparnos pola lingua.

- A poesía como analséxico?

- Eu sempre dixen que facía poesía como un analséxico. Escribo poesía desde cativo, e coa adolescencia xa foi unha explosión, con esas cousas que teñen os adolescentes [ir]. Pero si, a poesía é un desafogo, serve para botar fóra o que elaboramos dentro de nós. Para ben e para mal, aínda que eu penso que máis para ben.

- Anatomía da lingua contén unha importante dimensión lúdica.

- Si, está relacionada coa miña maneira de escribir. E creo que unha das funcións da literatura tamén é xogar. Así intentei transmitilo no meu traballo de docente. Tamén usei o xogo para transimitir o galego. Agora estou prexubilado, pero eu entrei na escola aos cinco anos e aínda non saín. Amais, os xogos tradicionais son outra das miñas paixóns. E aínda lembro xogar de cativo na rúa...

- Ao tempo, a preocupación musical e rítmica tamén está moi presente.

- É a música das palabras, a súa secuencia, os golpes de voz. Pero eu escribo como me sae de dentro, non sigo tendencias.

- E, porén, outros poetas xa ensaiaron, en diferentes rexistros, obras sobre o idioma, de Manuel María -hai unha escolma, A esencia máis nosa, que recolle os seus poemas ao respecto- ao pop humorístico de Poetarras.

-  Si, pero eu non sigo tendencias. De feito, este libro levan moito tempo escritos. Eu defínome como un cenobita, e estou no meu cenobio e escribo o que me sae. E igual que fago unha banqueta, escribo un poema.

- Reivindica a poesía como artesanía.

- Non sei se o fago ben, mal ou regular, pero eu intentei construír. Sempre lles expliquei isto aos meus alumnos: hai que facer, non quedar sentado. Aínda que ficar sentado e contemplar tamén é facer algo.

- Que achegan as ilustracións de Leandro Lamas ao libro?

- Home, pois fano bonito. Os deseños, a maquetación, o papel, fai que, nada máis abrilo. Nos libros infantís, os debuxos moitas veces intepretan o escrito e dirixen excesivamente a imaxinación do lector ou lectora. Neste caso non é así. As ilustracións de Leandro, con quen xa traballei moitas veces, gústame moito e ademais é boa persoa, acompañan moi ben a idea.

Comentarios