Un documental pioneiro trata a videpoesía desde Galiza

Poemas que son imaxes que son vídeo

O seu é un territorio híbrido. Onde se cruza a videoarte, a literatura, o cinema experimental, as materialidades do dixital, as narracións sabotadas. Denominada, a falta de mellor significante, videopoesía, o documental Versogramas ocúpase dela. E faino desde Galiza, que conta cunha nutrida nómina de activistas do xénero.
 

versogramas
photo_camera Fotograma de 'Versogramas'.

“Non existe unha definición única da videopoesía. É un tema compexo”, explica Celia Parra (Ourense, 1990), poeta e produtora executiva da fita. Investigadores e practicantes difiren en, sobre todo, dous puntos. Trátase dun xénero visual ou dun xénero literario? Debe haber sempre un poema previo sobre o que se basee a creación? Parra ten a súa propia opinión.

JuanLestaBelenMontero

“Para min, é un vídeo baseado nun poema, que emprega unha combinación creativa de imaxe, texto e son, en unha duración pechada e unha mínima narrativadade”, expón a Sermos Galiza, “pero non en sentido literario, senón coa idea de transmitir o poema de principio a fin”. A esta fórmula ativéronse, por caso, os pioneiros galegos do asunto: Antón Reixa e Yolanda Castaño.

“A videopoesía agromou en Galiza a raíz do éxito da videocreación”, relata. As mudanzas tecnolóxicas, en concreto a popularización das cámaras de vídeo domésticas, contribuíron. O dixital provocou que “se estenderá moito máis”.

Habilitouse así un campo do posíbel para propostas como as de Iria Pinheiro, Cinta Adhesiva -proxecto poético musical da poeta Silvia Penas-, Esther Carrodeguas, Eduardo Estévez ou Miriam Reyes -residente en Barcelona. Tamén para colectivos como FiiNDA -Xabier Xil Xardón, Miriam Rodríguez, Pablo Kaufmann- ou As Candongas do Quirombo -Andrea Nunes e Raquel Rei.

Cartel Versogramas

Sobre estas e outras experiencias debrúzase Versogramas. Editado agora en formato libro DVD por Galaxia, dirixido por Belén Montero e Juan Lesta -da produtora Esferobite-, a orixe do filme atópase nos estudos de Celia Parra: para o seu traballo de fin de mestrado descubriu a escena internacional da videopoesía. “Existen bases de datos, certames e unha enorme comunidade de creadores”, di, “a partir de aí fun coñecendo o que se facía en Galiza, o seu panorama moi rico”.

A Parra, autora do libro de poemas No berce das mareas (2009), atraeulle “a posibilidade que a imaxe ofrece de espandir o contido do poema, de lle engadir escenarios e ambientes. A videpoesía dáballe corpo aos poemas”. Ao tempo, engade, “a videpoesía ten capacidade de facer agromar o subtexto, posibilitar unha nova lectura que complementa ou contradí o poema, e crea algo novo”.

Versogramas recolle esas e outras informacións, e as achegas de 14 videpoetas, de aquí e de acolá. A edición de Galaxia inclúe, ademais, textos da poeta e editora Antía Otero, da directora Belén Montero e do profesor Manolo González. Proxectarase o 29 de xuño no ciclo Poemaria de Vigo e en agosto estará no Festival dos Eidos -no Courel, organizado pola Fundación Novoneyra.

Nota: os directores de Versogramas, Belén Montero e Juan Lesta, e o cartaz do documental.

Comentarios