Poemas para a Redacción. O caso de Tanzania

Que a poesía teña como destino revistas literarias e eruditas é algo habitual desde o momento mesmo en que as publicacións periódicas apareceron nas nosas vidas. Escritoras e escritores consagrados, ou aínda por consagrar, levaron a súa creación a esas follas impresas que chamamos periódicos. 

Dodoma
photo_camera Estatua de J.K. Nyerere en Dodoma, capital de Tanzania

Que noticias publicadas nun periódico sexan fonte de inspiración poética é tamén algo frecuente. Mesmo se podería preparar unha antoloxía de poemas construídos sobre textos xornalísticos que agocharía á vez un magnífico libro de poemas e un interesante noticiario.

O que non é tan frecuente é que sexan os propios lectores de periódicos os que envíen textos poéticos construídos sobre a actualidade reflectida nos textos xornalísticos.  Mais existe un lugar no mundo, polo menos un, en que a poesía e a prensa se relacionan desta maneira. Ese lugar é Tanzania. 

A poesía, quer en linguas autóctonas quer nas linguas coloniais, continúa representando a forma literaria máis viva en África. O caso máis sobresaliente da puxanza da poesía é Somalia, onde se converteu nunha arma política antes da independencia e continuou sendo, xa na Somalia independente, a forma máis popular e aceptada de transmitir todo tipo de creación. 

Captura de pantalla (28)

Outro caso é Tanzania, onde os xornais, xunto á sección do correo dos lectores, adoitan contar con outra sección dedicada á poesía, na que se insiren os poemas enviados por lectoras e lectores sobre os temas máis variados: desde medicina tradicional até comentarios sobre as leis ou as últimas noticias, pasando polos problemas matrimoniais ou o índice de inflación. Entre os textos enviados, e publicados, espello dos debates dados na sociedade tanzaniana, unha boa cantidade son de mulleres.

Soe aceptarse que, á imaxe do que acontece noutros dominios da cultura, a literatura africana actual está marcada por unha herdanza tripla que conxuga valores autóctonos, influencias islámicas e o impacto da cultura occidental.

Neste contexto non resulta estraño que o chefe de Estado de Tanzania, J.K. Nyerere,  quixese completar esa tripla herdanza antes  mencionada traducindo Shakespeare en kiswahili desencadeando no país  un debate de natureza estritamente literaria: os versos non rimados do inglés serían admisíbeis na poesía swahili? 

Shakespeare, consoante coas regras da composición poética e da métrica inglesas, efectivamente escribira as súas pezas en versos non rimados. 
Con todo, o que era inadmisíbel en inglés, non forzosamente sería en kiswahili, de tal modo que o debate desviouse da cuestión relativa á tradución das pezas estranxeiras para a cuestión, máis fundamental, da natureza da propia poesía swahili.

Porque a poesía, dixemos máis arriba, oral ou escrita, en lingua autóctona ou estranxeira, continúa a representar o máis vivo xénero literario do continente africano, e a poesía en swahili, na súa maior parte escrita por poetas non profesionais, segue a ser un elemento estándar nos xornais en swahili da Tanzania actual, como pode verse no seguinte fragmento:

Captura de pantalla (27)

Agora que Sermos Galiza anda a traballar para publicar en 2019 un diario en papel igual non era unha má idea contar cunha sección destinada a publicar poesía das leitoras e leitores sobre temas variados, como en Tanzania, desde medicina tradicional até comentarios sobre as leis ou as últimas noticias, pasando polos problemas matrimoniais ou o índice de inflación. Que lles parece?

Foto interior arriba: capa de O mercador de Veneza, en swahili en versión do presidente Nyerere.

 

Comentarios