Poemas en mancomún para o Monte Pindo

O Monte Pindo é un dos espazos de máis forza mítica e poética. A súa figura imponse na Costa da Morte de maneira sobrecolledora e a súa sombra naceron lendas populares, textos literarios e versos épicos. Por subscripción popular tentarase publicar unha antoloxía arredor do Olimpo Celta coordinada polos escritores Miro Villar e Francisco X. Fernánez Naval.
Miro Villar-Fernández Naval
photo_camera Miro Villar-Fernández Naval

A Asociación Monte Pindo Parque Natural bota a andar a iniciativa de editar un volume con todos os textos literarios escritos en todos os tempos arredor do Olimpo Celta. Canda eles, publicaranse no libro novas aportacións inéditas que se sumarán a un volume enmarcado dentro da súa campaña na promoción e defensa do singular espazo.

Para que o libro vexa luz artellaron a fórmula da suscripción popular de maneira que a publicación só se fará efectiva se se garante con antelación a venda de 105 exemplares ao prezo de 10 euros, cinco menos do que costará en librarías. Unha vez garantida eses primeiros encargos, darase paso a publicación do libro, que recollerá nos seus agradecementos o nome das persoas que fixeron a merca anticipada que permitiu publicar o volume. De non conseguilo, devolveríanse os cartos adiantados a quen os puxera e suspenderase o proxecto. Para partillar da suscrición popular compre entrar na plataforma goteo.org para facer a reserva.

Os escritores Miro Villar e X. Fernández Naval coordinarán o volume cos textos literarios arredor do Monte Pindo. Tanto un como outro teñen unha íntima relación coa Costa da Morte, tanto biográfica como literaria. Alén das referencias nas súas obras, Miro Villar naceu en Cee e formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte. Pola súa parte, X. Fernández Naval é autor dunha guía literaria da Costa da Morte e ten un vencello intenso co Carnota, onde desenvolveu tamén diversos proxectos culturais. 

Comentarios