Vítor Vaqueiro publica '1968'

Poemas sobre cando puido reinar unha orde nova

A poesía é tamén un exercicio sobre a propia memoria. Así parece enfocala Vítor Vaqueiro (Vigo, 1948) no seu último libro, 1968 (Laiovento, 2018). Mais nestes poemas, a memoria individual crúzase coa memoria colectiva e os múltiples rostros da rebelión constitúen a súa materia. “O 68 aínda é un ano tan significativo para a miña xeración...”, di, “puntualizo: para os que fan parte da miña xeración e non desertaron”.
 

Vítor Vaqueiro 3
photo_camera O poeta Vítor Vaqueiro. Foto: cedida.

Hai 50 medio século abriuse a talvez última oportunidade global para instaurar unha orde nova. As revoltas sucedíanse por todo o planeta. O poeta Vaqueiro deita unha ollada lírica sobre feitos que marcaron o mundo. Tamén Galiza. Tamén a el propio, que os viviu en primeira persoa.

“Galiza insírese daquela na corrente internacional”, sinala, e menciona tres significados acontecementos vertebrais no seu libro: o 68 de Compostela, unha potente revolta universitaria que se inicia en xaneiro; a resposta popular contra o encoro de Castrelo de Miño “cando adquire forma por primeira vez o nacionalismo”; e a faixa que, na alameda de Santiago, saúda o Día da Patria de 1968 cun Viva Galiza ceibe e socialista.

cuberta 1968 vítor vaqueiro

“Daquela o Viva Galiza ceibe e socialista non era xa unha pintada infrecuente en Compostela”, relata. Á pancarta dedica a prosa poética 25 de julho, descritiva e cun aquel de Peter Weiss -devoción de Vaqueiro: “[...] nas suas pólas, pendurada uma faixa e na faixa, branquíssima, cinco palavras mínimas, de significação, não obstante, infinita, viva Galiza ceive e socialista, tudo petrificado para sempre na história”.

1968 organízase por textos datados nos axitados días dese histórico ano. O escritor Vaqueiro bota man dunha ampla cantidade de recursos estilísticos para levar adiante un proxecto en que traballou máis de catro anos. Do poema en prosa ao verso medido -fundamentalmente heptasílabos, endecasílabos e alexandrinos- ou ao versículo de inspiración beat. “En realidade, beben dos cantos de Ezra Pound”, corrixe, “con todas as distancias, porque xa me gustaría a min”.

Esta caixa de ferramentas pona ao servizo dun relato en que a guerra contra o Imperio no Vietnam, os Panteras Negras, as Marías, a matanza na praza de Tlatelolco de México D.F., o Che Guevara asasinado ou a clandestinidade antifranquista explican como o bloque dominante pasou apuros. “Do nada emerge a fraga clandestina / entre cada cuadrícula, simultaneamente / hipótese de cárcere ou vitória / aberta ao mar infindo e ao mato inesperado. / Convertidos en lótus, em nenúfar, Ernesto”, escribe en 9 de outubro, aniversario da morte do Che.

“A variedade formal empata coa miña visión da literatura”, argumenta, “sempre denunciei que a división entre xéneros é ficticia, só responde ás necesidades da crítica e non ás do discurso literario”. Como exemplo para el totémico, Vítor Vaqueiro coloca A morte de Virxilio (1945), de Hermann Broch, “unha obra total en que a división por xéneros é difícil”.

Da política e a poesía


1968 parece confirmar certo xiro na traxectoria poética de Vaqueiro iniciado no seu libro anterior, Palavras a Espártaco (Através, 2015). O poeta dos 80 que politiza o seu discurso. El, amabelmente, non concorda. “Eu non teño máis credibilidade que calquera outro lector á hora de reflexionar sobre a miña obra”, indica, “pero a política xa está no primeiro, Lideiras entra a paisaxe (Castrelos, 1979), ou en Informe da gavilla (Galaxia, 1980), en que, coa metáfora do bandoleiro, aproveito para falar do poder e a represión”.

Non obstante engade que, entre 1980 e 1986 “produciuse unha inflexión” no xeito en que se leu o seu traballo. A publicación dos poemas de A fraga prateada (Galaxia, 1983) valéronlle o “sambenito de poeta épico, malia conter poemas antinazis e antisionistas”. “E, porén, no seguinte, A cámara de néboa xa volvo ao tema da represión”, conta. A súa escrita, de elevada densidade e formalismo acusado, nunca refugou a cuestión política, asegura.

1968, que inclúe un extenso limiar de Xosé María Álvarez Cáccamo -compañeiro de promoción poética e outro autor que non escapou da poesía política- e notas ao pé con ligazóns a cancións e imaxes consignadas nas súas páxinas, preséntase esta quinta feira, 22 de novembro, no Espazo Enocultural Vide Vide de Compostela. Será ás 20.30 horas nun acto organizado pola asociación cultural O Galo e no que participarán Vaqueiro, a cineasta e escritora Margarita Ledo, e os profesores da Universidade de Compostela Luís Martul e José Alberto García Suárez.

Comentarios