martes 14.07.2020
Eduardo Estévez espalla o seu universo cunha obra en múltiples formatos

Poemas atravesados de baleas

A balea é un animal mitolóxico. Mais materia e mito son, por veces, dificilmente distinguíbeis. E as baleas existen. O poeta Eduardo Estévez (Buenos Aires, 1969) viunas na Patagonia, navegou entre elas, sentiunas falar. Agora atravesan o seu último libro, de baleas (Caldeirón), no que regresa ás orixes do seu labor como lector e escritor de poesía. “A certa tradición cultural arxentina que tiña esquecida”, engade.

O poeta Eduardo Estévez. Foto: cedida.
O poeta Eduardo Estévez. Foto: cedida.

“unha balea varada na praia / estarrece como a ruína dun imperio // é unha postal imposíbel / no centro da paisaxe”, escribe Estévez. “As baleas son unha escusa. Hai textos sobre ellas, é certo, pero en xeral andan por aí”, explica. Ao poeta interésalle máis a “carga simbólica”, a potencia metafórica do mamífero: “É a memoria, a viaxe, a paciencia, moitas cousas bonitas”. E que lle permiten escavar, como quería Seamus Heaney para a súa pluma, na propia biografía.

“Antes de chegar a Galiza, vivín en Venezuela catro anos. Nunca conseguín integrarme. Relacionábame cun grupo do que chaman alí sureños, chilenos, uruguaios, arxentinos”, relata, “por iso cando viñen aquí pelexei por integrarme. Tapei todo o arxentino, non quería unha tribo”. Mais a paternidade mudou o seu punto de vista. “Decateime de que o meu fillo non sabía nada desa cultura e decidín recuperala”. Esa decisión coincidiu con outra epifanía, a visita a Galiza do gran poeta arxentino Juan Gelman (1930-2014).

portada_de baleas libro 2

“cando o río era opaco e a esperanza / non minguaba / juan poeta”, di no poema e volveu macarena na inundación. Gelman e Raúl González Tuñón (1905-1974), aquel escritor comunista de enorme estatura na Arxentina, actúan como presenzas fundantes en de baleas. Mesmo comparecen con nome e apelidos nalgús textos. “Busco que o diálogo que estabelezo con outras voces ao ler sexa explícito”, indica Estévez, “aínda que non sempre estea de acordo con elas e as contradiga”.

O décimo cuarto libro de Estévez, décimo segundo en galego, enlaza con “certa tradición marxinal” da poesía galega, aquela que escolle a balea como síntese do mundo. O poeta recoñéceo nunha das dedicatorias: “e a luísa castro e a estevo creus, devanceiras: ningún libro de baleas podería existir na nosa literatura sen a súa obra”. “Xosé Iglesias [autor de A relixión do mar] sempre me fala da caza das baleas. Pero a min non me interesa a caza, interésame a balea como mito!”, considera Estévez. Ao cabo, fai parte desa xeración que a profesora Helena González bautizou A Tribo das Baleas e que cadra cos escritores dos 90. A súa poesía de liña clara, visual, construíu un espazo propio, “sobre todo desde que publiquei derrotas (2004)”.

Máis alá do libro


Mais o proxecto de baleas é singular. Excede o marco libro e espállase noutros formatos. Unha banda deseñada, debuxada por Toquio sobre os poemas unha balea varada na praia e a néboa, ensaia unha aleacción inédita. “Son un lector serodio de cómic, pero gústame moito”, explícase Eduardo Estévez, “levo tempo redactando guións e non conseguía materializalos. Agora si”. E un cedé con 11 músicas pon a banda sonora.

“Os músicos foron xenerosísimos”, admite Estévez. Músico de vocación, “estudei algo, aínda que logo tiven que deixalo e dediqueime á literatura”, propuxo algunhas melodías a amigos e amigas. “Podían tomalas como base. Pero pasaron de todo”, ir. A partir dos poemas, intérpretes como Benxamín Otero, Mig Seoane ou Ariel Ninas realizaron a súa particular lectura musical de de baleas, que resultou nun disco instrumental, oceánico, con arestas ambient e ecos do son ECM.

“Cada un dos elementos ten o seu motivo. Todo o conxunto xurdiu de conversas con Paco Souto, o animador da Asociación Caldeirón, editora do libro”, lembra Estévez. Souto, poeta e percebeiro, morreu arrastrado polo mar en marzo de 2017. “e a paco souto / que un día marchou no ventre da balea”, consta no inicio do libro.

comentarios