Poesía

O Poemagosto resiste á Covid-19 cunha única xornada en tres actos poético-musicais

O festival ten lugar en Allariz o 10 de outubro, por sétimo ano, nunha edición de balde, mais con reserva previa.
Raquel Lima [Raul Pinto].
photo_camera Raquel Lima, unha das poetas programadas [Raul Pinto].

A pesar do coronavirus, a poesía tomará este ano, como vén facendo nos últimos seis, as rúas de Allariz, aínda que cun formato un pouco diferente. A sétima edición do Poemagosto Festival Internacional de Poesía decorrerá o vindeiro sábado 10 de outubro, de maneira excepcional nunha única xornada e dividido en tres actos poético-musicais.

Observando todas as medidas sanitarias e de seguridade e a normativa actual sobre actos culturais, as diferentes actividades terán lugar ao ar libre, no recinto do Festival Internacional de Xardíns (patio do Museo do Coiro en caso de choiva) e con capacidade limitada de público.

De balde, pero limitado

A entrada será de balde, pero restrinxida ás persoas que realicen a reserva previa obrigatoria. Haberá tamén a opción de adquirir unha "entrada solidaria" para quen queira colaborar co festival, que inclúe a reserva e unha camiseta do Poemagosto, todo por cinco euros.

O festival inaugurarase co primeiro acto ás 12 horas e alternará as lecturas de poesía do elenco de poetas participantes e a música do grupo Son Trío. Están na programación quer nomes recoñecidos do panorama galego –Moncho Iglesias Míguez, Charo Lopes, Antón Reixa, Baldo Ramos e Andrea Nunes Brións– quer artistas internacionais –Sofía Castañón (Asturies), Raquel Lima (Portugal) e Abdul Hadi Sadoun (Irak).

O segundo acto, ás 18 horas, seguirá a mesma estrutura, co acompañamento musical do grupo Terra Morena.

Concerto de feche

O sétimo Poemagosto fechará a xornada cun concerto musical que comezará ás 20.30 horas e contará coas intervencións de Xosé Luís Rivas 'Mini' (membro dos míticos grupos Fuxan os Ventos e A Quenlla) e o grupo Trilitrate, un trío que mestura diferentes estilos musicais como jazz, étnica, a improvisación libre ou o hardcore, e que incorpora a vídeo-proxección en directo dunha artista visual.

Cada persoa que desexe asistir deberá escribir un correo electrónico ao enderezo [email protected] indicando nome e apelidos e número de teléfono, especificando ademais para cal ou cales dos actos desexa reservar billete. Toda a información estará dispoñíbel tamén na web ou a través das redes sociais.

Comentarios