Do 12 ao 14 de outubro en Allariz

Poemagosto: levar a poesía á xente

Allariz convertirase entre o 12 e o 14 de outubro no epicentro poético de Galiza. Decenas de autores e autoras asistirán á quinta edición de Poemagosto, o festival internacional de poesía que este ano estende a súa frondosa programación a tres xornadas. “Este ano mudamos conceptos e ampliamos as actividades”, admite Carlos da Aira, un dos organizadores.
 

iv poemagosto 2017
photo_camera Imaxe do IV Poemagosto, en 2017. Foto: Poemagosto.

O Poemagosto dedícase a levar a escritura e os escritores a cada recanto da vila. Museos, adegas, tabernas, fundacións ou prazas son escenarios acaídos para esta festa da palabras. “Eu vivín fóra do país durante un tempo”, recorda da Aira, “e cando volvín a Galiza coñecín o Festival de Poesía do Condado. Fiquei impresionado”.

v poemagosto cartaz

O histórico encontro de Salvaterra de Miño, que o pasado setembro celebrou a súa 32ª convocatoria, xunta poetas e músicos sobre un palco na fortaleza da vila. “Ver centos de persoas sentadas, atendendo á poesía, pareceume incríbel e dixen: 'temos que facer algo así”, relata. Falouno coa Fundación Risco e mais coa libraría Aira das Letras e naceu Poemagosto.

A proposta alaricana é máis descentralizada. As actuacións e actividades espállanse por todas partes. Comezarán a sexta feira, 12 de outubro, ás 11.30 horas, coa presentación de Valente Vital, triloxía de ensaios que Claudio Rodríguez Fer dedicou ao poeta ourensán. Ademais, haberá unha lectura de poemas do propio autor, Carmen Blanco e Olga Novo. Será na Fábrica de Vilanova.

Porque o Poemagosto do 12 de outubro será en estabelecementos hostaleiros. No café A Fábrica, lerán poemas seis poetas novísimas, de entre 17 e 19 anos, escollidas por Olga Novo. Será ás 12.30. Xa de tarde, ás 17.30 no Fío de Liño Estíbaliz Espinosa presentará as súas dúas últimas obras, Curiosidade e As neuronas irmás. Ademais, recitarán Estevo Creus, Yasuhiro Yotsumoto e Antonio Fernández Seoane.

Na Despensa do Alarico ás sete será a quenda de Chus Pato, Oriana Méndez, Judite Canha Fernandes e Isabel Martin Ruiz. Cambio de localización e, unha hora despois, na Fundación Vicente Risco abrirá a exposición Cajas negras del exilio, con poemas e fotografías de Manuela Parra: “Un percorrido pola fuxida, confinamento, resistencia e memoria dos exiliados españois en Francia durante a ditadura franquista”. A xornada pechará ás 22.30 cun concerto de Mounqup -singular proposta vocal e electrónica- no pop café Arnoia Costas.  

O sábado 13 de outubro é o día grande do Poemagosto. Así o define Carlos da Aira. A programación concéntrase no patio do Museo do Coiro. Haberá presentación de proxectos culturais -o segundo número da revista Ligeia, o debate A Comuna Seminario 0 sobre políticas culturais en Portugal e Galiza, o xogo de mesa Ti non es de aquí?...- e de libros -A memoria das palabras, de Francisco Álvarez, Koki- ou mesas redondas -sobre feminismo, cordinada por Verónica Martínez Delgado.

Ás dez da noita, un concerto de Tanxedoiras e unha foliada porán o ramo a un festival que, en realidade, rematará o domingo co 2º Combate Poético do Poemagosto. “Trátase dun xogo de recitais en que o público vota a cada participante. Xérase unha dinámica moi divertida”, explica Da Aira. O cocnerto de Najla Shamki e Sérgio Tannus, ás 13.15 na Praza de Arriba canda Ukelerria si marcará o punto final do V Poemagosto.

Comentarios