O poema-libro galego da malagueña Mª Victoria Atencia, Premio Reina Sofía de Poesía

A poeta malagueña Mª Victoria Atencia vén de gañar o Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana. En 23 edicións, é a primeira poeta nacida en territorio español e a cuarta muller que recibe o premio. Atencia editou en 1987 o libro-poema “Saudade” no que dialoga con Rosalía. O poema está publicado en galego-portugués, lingua á que chegou por medio de Guerra da Cal. 

María Victoria Atencia
photo_camera María Victoria Atencia

Aos libros Ex Libris, Marta & María, El umbral ou o recente Las iluminaciones. Antología y poemas inéditos habería que engadir o singular poema-libro titulado “Saudade” e publicado en galego-portugués, por tradución de Ernesto Guerra da Cal. A edición á que temos acceso foi enviada nese mesmo ano pola autora a Xoán Costa, daquela director da revista Agália na que saíra o artigo “Seis poemas galegos de García Lorca” da súa autoría. 

Como García Lorca, Mª Victoria Atencia tamén ía ter o seu “poema galego”, desta volta en versión recoñecida de Ernesto Guerra da Cal, o amigo da nosa lingua do autor de Granada. O poema chámase “Saudade” e nel, a poeta conversa con Rosalia de Castro, como se aprecia no verso “Em Padrom dir-me-ás de cada flor o nome”. 

O breve ensaio da escritora que ía ser publicado no número 9 da revista “Agalia” fora solicitado por Ricardo Carvalho Calero a quen define, en carta enviada en xullo dese mesmo 1987 a Xoán Costa como “moi querido amigo”. O texto referíase á “imaxiñería” de Lorca nas súas composicións galegas. 

"Saudade" en conversa con Rosalía

Na carta ao entón director da revista da AGAL, Atencia explica que “Saudade” é un antigo poema, xa publicado en libro, que foi verquido ao galego-portugués polo tamén “moi querido amigo” Ernesto Guerra da Cal. “Co ilusionado consentimento do mesmo fixen (ou, a dicir verdade, fixo o meu home) unha brevísima edición onde, desde a composición tipográfica até o papel todo é artesán e manual”, explica, desta alfaia editorial na que ela propia é autora da elaboración do papel. A poeta fai o envío á volta da recepción no seu domicilio dos exemplares dunha revista da que, como Nós, dicía, servíanlle para ir “coñecendo ao fin o verdadeiro alcance do reintegracionismo ortográfico querido na Galiza”. 

María Victoria Atencia (Málaga, 1931) é a cuarta muller en gañar o Reina Sofía despois da cubana Fina García Marruz, a peruana Blanca Varela e a portuguesa Sophia de Melo. 

Na nómina dos Raiña Sofía atópase o poeta nacido en Ourense José Angel Valente, José Hierro, Mario Benedetti, Pere Gimferrer, Nicanor Parra, Sophia de Mello Breyner, Caballero Bonald, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, Ernesto Cardenal ou Nuno Júdice. 

SAUDADE 

A janela abre a um mar gris prata, com seu barco,
e nesta sala há música de Haendel e Corelli.
Revejo a tua tristeza, amiga Rosalia.
Se pudesses ceder-me teu correlato justo
de saudade, eu podia librar-me deste peso
e aos poucos ir subindo as tuas altas ternuras.
Que resseco este ar e a tua terra, que húmida!
Em Padrom dir-me-ás de cada flor o nome.
Conferiremos épocas e releremos cartas,
vasculharei sem fim todas as tuas gavetas.
Deixa que o teu espelho me mostre a minha imagem
e não falte ao meu canto a palavra precisa.

Comentarios