Pilar García Negro

"Para os poderes hoxe dominantes, en coñecéndoa ben, Rosalía é intragábel"

Profesora da UDC, autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación e colaboradora de Sermos Galiza, Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de ser recoñecida pola AELG co premio “Escritora na súa Terra”, que recibirá en Lugo no mes de xuño. Conversamos con ela no Sermos Galiza 235, á venda xa na loxa e nos quiosques, sobre literatura galega e feminismo, sociolingüística ou didáctica. Eis un avanzo da entrevista.

Pilar García Negro acto na UDC
photo_camera Pilar García Negro

Non resulta común que se premie unha escritora pola súa traxectoria no xénero do ensaio e da investigación.

Segundo me dixeron, a AELG deu a valer esta modalidade literaria, acompañada da condición feminina, e tamén co valor concedido a unha vontade continuada de moitos anos por socializar o valor irrenunciábel da lingua de noso, non só no ensino, senón abrindo o abano da forma máis ampla posíbel. O ensaio, na tradición literaria galega, é importantísimo e non por causalidade, xustamente porque nacemos, en toda a historia contemporánea, tendo que explicarnos, tendo que defender que somos unha patria e unha nación con dereito á permanencia no mundo e na humanidade. Por tanto, aí hai unha carga didáctica, discursiva, apoloxética, xa desde Rosalía de Castro, nos ensaios que anteceden as dúas obras maiores, Cantares e Follas novas, e esta vontade ten a ver cunha proclama da nosa propia existencia e da necesidade de evidenciala tanto para dentro como para fóra. Non é de estrañar, por estas razóns históricas, que exista toda unha continuidade, xa con moito afán alentada na literatura do primeiro terzo do s. XX e con presenza renacida a partir dos 60. Ora, eu non son máis que unha peza dun mosaico que debe medrar...

5Cal é a situación do ensaio? Cando menos a nivel certames e de edición non semella ter demasiada difusión.

Hoxe partimos dunha situación bastante confusa. En xeral, hai unha determinación do capitalismo globalizado en que se desestiman por enteiro as humanidades e se concebe a literatura como algo inútil ou ornamental, non sendo a dos intelectuais orgánicos e comercialmente rendíbeis. No noso caso, isto dobremente determinado ou condicionado polo imperio do español co auxiliar do inglés. Por tanto, nese esquema, nós, galegos e galegas, con vontade de permanencia e de normalización da nosa lingua e exteriorización da nosa cultura, pintariamos moi pouco ou mesmo nada. Mais hai un outro factor, unha pulsión nos últimos tempos moi forte de individualismo, de presenza pública, de ver o nome impreso, haxa algo que dicer ou non. Aí o ensaio pode resentirse aínda máis porque, por ruín que sexa, precisa dun traballo previo de documentación, de consulta bibliográfica e, desde logo, de coñecemento de todas as fontes relevantes realmente excelsas que ten a nosa tradición literaria. Dáme a impresión de que nunha parte grande da chamada literatura de creación actual galega hai unha grande ignorancia da historia literaria, que é explosivamente boa e valiosísima, hai un descoñecemento grande desa tradición. Insisto, non xulgo, é a miña impresión. Hoxe non está de moda o ensaio, que é pensamento, discurso reflexivo, oferta de elementos para un debate, interpretación, e risco nesa interpretación. E iso non interesa porque hoxe é o que se impón, nunha forma omnímoda, é ese pensamento único de que se falaba hai tempo.

[A íntegra da entrevista aparace no Sermos Galiza 235, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa]

Comentarios