O poder das galegas na Alta Idade Media

A arqueóloga Nieves Amado está a desenvolver o seu traballo investigador nas comarcas de Monterrei e A Limia. Nas súas buscas entre a documentación dos mosteiros apreciou que a presenza das mulleres tiña unha relevancia especial, pois eran propietarias e poderosas, nalgúns casos mesmo máis que unha raíña.
158455896_1777840149089291_219848729094883720_n
photo_camera Entre as mulleres, sobre todo as condesas eran as que máis detiñan o poder na Galiza, asinando conxuntamente cos condes. (Foto: Nós Diario)

"Estou a revisar documentos da zona da Limia e de Monterrei, e desta época, no Altomedievo, parte do século X e XI, chámame a atención a visibilidade da muller. Analicei algúns destes documentos e vin que había unha gran presenza feminina". A que conta é a arqueóloga e membro da Sección de Patrimonio do Consello da Cultura Galega Nieves Amado, e faino ao fío dunha súa publicación nas redes sociais co cancelo #8-M2021, "As mulleres galegas do ano mil". 

Trátase dunha relación de nomes femininos de orixe xermánica, "xa que estamos saíndo da época visigoda, que ocupou, previamente, o lugar dos suevos", que resultan da análise de documentación dos mosteiros das comarcas de Celanova, A Limia e Monterrei.

"Para esta época tampouco hai máis documentación que esta, a dos mosteiros", explica a arqueóloga, "hai documentos boísimos que contan das doazóns que se facían aos mosteiros, compra-vendas entre particulares..." e neles asinan, como propietarias, un gran número de mulleres que posuían "patrimonio privativo, isto é, non llo podía quitar ninguén nin tiñan que contar co permiso do marido para asinar, vender, cambiar, doar...".

"Hai moitísimo protagonismo das mulleres nesta época en compras e vendas, así que a sensación que temos de que canto máis atrás imos na historia peor é a situación da muller, neste caso non é así, senón que foi peor despois, até os séculos XVIII e XIX", destaca Amado.

Para Nieves Amado, integrante do Geaat (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Universidade de Vigo, podemos dicir que esta liberdade e poder "vén da Lex gótica, que definía que a herdanza se repartise equitativamente entre os fillos e as fillas".

"Así elas asinan, deciden, traspasan, venden... Son donas dos seus actos e transloce deses documentos", recalca a investigadora.

Naquela altura, "estamos a falar dunha época na que aínda había presenza musulmá, non tanto na Galiza", e unha vez desaparecido ese dominio, "digamos que se volveu crear o mundo, non había Estado e, dalgún modo, volveron de novo a empezar".

Un novo comezo que partía de terras ermas, de concentrar a poboación nos dominios que se podían controlar, "empezouse repoboando o norte da Galiza até o Miño e nos séculos IX e X, con Afonso III, estendéronse até as fronteiras do sur, no Douro", conta a investigadora da Uvigo.

"O que facían os reis era nomear condes, xente de confianza, normalmente nacidos do Miño para abaixo, e concedíanlles presuras (modo de apropiación territorial para repoboar) para que integrasen os seus territorios no reinado galaico-astur e, á parte de que estes aristócratas se integrasen no reino, tamén eran premiados coas terras que conquistasen ou repoboasen". 

Mais chega o feudalismo, xa no século XII, e a situación muda. Os dominios do señor feudal concéntranse doutro modo e o papel da muller comeza a ir en declive.

 "Segundo vai avanzando a Idade Media e se van señorializando as terras, a medida que se vai creando o reino feudal, entón os señores fanse coa vida e coas terras de todo o que había no lugar, o campesiñado xa non ten propiedades". 

As mulleres galegas do ano 1.000, campesiñas, condesas e abadesas

Adosinda, Alagundia, Aragonta, Egilona, Enderquina, Ermesinda, Flamula, Getina, Gilvira, Goda, Godigia, Gosenda, Gugina, Guntrode, Horabona, Ilduara, Leodegundia, Lupa, Matreduce, Menegundia, Mumadona, Ocorabia, Onega, Odrocia, Ostrubeda, Pinoti, Recemera, Rosula, Saisana, Scevanto, Sunila, Toda, Trasuinda, Trudilde, Velasquita, Vilone, Zacaria... Son só algúns dos nomes publicados nas redes sociais de Nieves Amado reivindicando o seu papel "poderoso" na Alta Idade Media galega. Entre elas destaca Mumadona de Guimaraes, unha condesa galega fundadora do mosteiro e do castelo desta vila portuguesa, "que puido ser a que máis poder tivo na Alta Idade Media", di Amado, "tiña propiedades por toda Galiza e ostentou tanto poder ou máis que unha raíña".

Comentarios