[VÍDEO] 'Os aneis do poder', a serie dobrada ao galego máis vista da historia?

O Señor dos aneis: Os aneis do poder estará dispoñíbel desde esta sexta feira na nosa lingua.
Cartel promocional da serie Os aneis do poder. (Foto: Amazon Prime Video)
photo_camera Cartel promocional da serie Os aneis do poder. (Foto: Amazon Prime Video)

A plataforma de contidos audiovisuais Prime Video estreará esta sexta feira, 2 de setembro, a serie Os aneis do poder, do universo cinematográfico de O señor dos aneis. A superprodución, que leva a ser preparada durante cinco anos, estará dispoñíbel na nosa lingua, o que podería facer que se convertera na serie dobrada ao galego máis vista da historia. Tamén estará lexendada en galego.

Os seus creadores, John D. Payne e Patrick Mackay, aseguraron que Os aneis do poder, que podería contar cunhas cinco tempadas de duración, gardará a fidelidade coas novelas de J. R. R. Tolkien e as súas adaptacións cinematográficas.

Neste sentido, a serie centrarase nos feitos ocorridos miles de anos antes das aventuras de O señor dos aneis. Para a elaboración deste “ambicioso” guión, Payne e Mackay recompilaron a información achegada por Tolkien nas súas novelas, así como os apuntes que o escritor inglés, nado en Sudáfrica, deixou nos apéndices da súa triloxía.

Esta primeira tempada foi rodada integramente en Nova Zelanda, onde xa se gravaran moitas das escenas da triloxía de O señor dos aneis. Os dous primeiros episodios correrán a cargo do director Juan Antonio Bayona.

A serie máis cara da historia

Esta primeira tempada, que consta de oito capítulos, serviu para que Os aneis do poder sexa xa a serie máis cara da historia. Para a súa produción, que correu a cargo de Lindsey Weber, investíronse uns 468 millóns de dólares, aínda que o orzamento final pode elevarse até os 715 millóns.

Até hai só uns días, estaba confirmado que a serie podería verse en catalán e euskera, mais houbo que esperar até a semana da estrea para ter por seguro que Os aneis do poder tamén sairá en galego dobrado e lexendado.

“Hai tempo que podemos gozar dos libros de Tolkien en galego. E en breve, a nova proposta audiovisual O Señor dos aneis: Os aneis do poder, inspirada no universo máxico do autor, estará tamén na nosa lingua”, sinalaba a Secretaría Xeral de Política Lingüística pouco despois de que se confirmara a presenza do galego nesta serie.

No momento de coñecerse a noticia, foron moitas as reaccións nas redes sociais de amantes de O señor dos aneis que celebraron que esta nova serie, na que a industria cinematográfica ten postas moitas esperanzas, vaia estar dispoñíbel na nosa lingua.

Comentarios