O BNG cualifícao como "intolerábel"

O pleno do Día das Letras será o 12 de decembro

Logo de ser adiado en dúas ocasións, terá lugar en Compostela e non en Ferrol, cidade natal de Ricardo Carvalho Calero.
carvalho
photo_camera Ricardo Carvalho Calero.

A Real Academia Galega convocou finalmente para o sábado 12 de decembro o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no mesmo edificio en que impartiu aulas como primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega desta institución.

O acto, que tivo que ser adiado por mor da situación sanitaria o pasado outubro, así como o tradicionalmente previsto en maio, incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual de quen é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión poderá seguirse en directo a través da web.

O pleno extraordinario constitúe o acto central arredor da figura á que a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A institución seguirá a celebrar nas vindeiras semanas o seu legado coa presentación do epistolario que reúne as cartas que intercambiou con Ramón Otero Pedrayo e a resolución do concurso Contádenos o voso Día das Letras. A RAG reforzou no escenario marcado pola pandemia as iniciativas dixitais.

Con todo, en agarda da decisión que viría no pleno inmediatamente posterior á celebración da homenaxe, segue facendo eco entre a sociedade, a través de múltiplas asociacións culturais de base e doutras entidades, a petición de que o recoñecemento ao ferrolán se alongue durante 2021.

Esta faise considerando as excepcionais circunstancias que marcaron 2020 e dificultaron moito a difusión dunha figura tan poliédrica como a de Carvalho Calero.

O BNG considera a medida "intolerábel"

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, cualificou de incomprensíbel a decisión da Real Academia Galega de non prolongar ao 2021 o Dia das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero, e de intolerábel que os actos desta efeméride se celebren, finalmente, na cidade de Compostela.

Rivas sinalou que resulta "evidente" que, dada a situación sanitaria provocada pola Covid-19, "o máis lóxico é que o ano Carvalho Calero prolongase a súa celebración ao ano 2021 tal e como reivindicou unanimemente o pleno do Concello de Ferrol, tal e como acontece, por exemplo, coas celebracións conmemorativas dos 250 anos de nacemento de Bethoven que se trasladaron ao ano 2021".

Por este motivo, o BNG "impulsará e propoñerá ao Goberno Municipal a aprobación dunha declaración institucional para protestar contra a actitude da RAG, que é un insulto a nosa cidade e á figura de Carvalho Calero".

A formación nacionalista promoverá así mesmo un acto de homenaxe e reivindicativo da figura de Carvalho Calero na cidade de Ferrol para o vindeiro sábado 12 de decembro ás 12 horas ao pé da súa casa natal, "como unha mostra de desagravio á figura do intelectual ferrolán fronte ao agravio ao que o somete a RAG".

Comentarios