O Play-Doc de Tui homenaxeará Manfred Kirchheimer e Bette Gordon

Presentará retrospectivas das súas obras por primeira vez no Estado.
Un fotograma de 'Cranes', de Manfred Kirchheimer. (Foto: Play-Doc)
photo_camera Un fotograma de 'Cranes', de Manfred Kirchheimer. (Foto: Play-Doc)

O festival Play-Doc de Tui non só ten presentado as primeiras retrospectivas españolas de cineastas consagrados, senón que se esforzou por reivindicar outros magníficos realizadores cuxa obra foi ignorada, censurada ou que, sinxelamente, é descoñecida para a inmensa maioría.

Este é o caso de Manfred Kirchheimer, un dos cineastas aos que Play-Doc rende homenaxe este ano. 

Nado en Saarbrücken (Alemaña), en 1931, Manfred Kirchheimer emigrou coa súa familia a Nova York fuxindo do nazismo cando contaba con só cinco anos de idade. Tivo como profesor ao pintor e cineasta Hans Richter, pioneiro do cinema abstracto e traballou co documentalista Leo Hurwitz, un dos fundadores do documental social norteamericano e quen foi perseguido durante o período McCarthy polas súas fortes crenzas políticas de esquerda. Ambas as influencias nótanse na obra de Kirchheimer, que centra o seu interese nas vidas e labores da xente da cidade, en particular daquelas minorías desprazadas como as da comunidade xudía de Washington Heights, á que el mesmo pertencía.

Desde as súas primeiras curtametraxes até as súas obras mestras de madurez, como Stations of the Elevated (1981), Kirchheimer revélase como un consumado poeta visual e un dos cineastas documentalistas máis extraordinarios e menos coñecidos no ámbito internacional. Manfred Kirchheimer estará en Tui para presentar a retrospectiva, que inclúe tamén a súa película máis persoal e controvertida: We Were So Beloved (1985) comparada pola crítica coa monumental Shoah (1985), de Claude Lanzmann.

Tamén a norteamericana Bette Gordon estará por primeira vez en España, no Play-Doc, presentando a súa obra no marco dunha retrospectiva que comprenderá os traballos que a cineasta norteamericana realizou entre 1974 a 1983. 

Aínda que Bette Gordon foi celebrada con traballos máis recentes como The Drowning (2016) ou Handsome Harry (2009), a súa obra desa década documenta a aparición dunha nova era na cinematografía radical.

A selección de películas inclúe as tres colaboracións xunto ao recoñecido artista James Benning. Tamén se poderán ver as películas que Gordon realizou en solitario e nas que afianzou o seu interese polos motivos de xénero e por unhas estruturas narrativas máis tradicionais como Variety (1980), unha das películas independentes máis importantes dos anos oitenta, convertida hoxe en día en película de culto. A película está  co-escrita por Kathy Acker, fotografada por Tom DiCillo e conta con música de John Lurie.

Comentarios