Play-Doc bota a andar un Laboratorio con catro directores na súa décima edición

Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos son os catro cineastas convidados ao primeiro Laboratorio de Apuntes Fílmicos (LAP) que o Play-Doc de Tui bota a andar na súa décima edición. 

Fotograma de Marcos Nine
photo_camera Fotograma de Marcos Nine

Catro cineastas do chamado Novo Cinema Galego serán os protagonistas do Laboratorio de Apuntes Fílmicos que se desenvolverá por vez primeira no marco do Festival Play-Doc de Tui que conmemora do 2 ao 6 de abril a súa décima edición. O Festival dedicará unha sección aos documentais de Galiza máis relevantes do ano. 

O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, inicia co LAP, coordinado pola responsábel do Máster de Documental de Creación da Pompeu Fabra, Marta Andreu, un obradoiro no que cada un dos cineastas traballarán desde as súas propostas particulares a idea da “transformación”. Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos comezaron xa a traballar nesta proposta dándolle forma a uns proxectos que se porán en común na sesión que se celebrará o domingo 6 de abril. 

Curtas galegas

Play-Doc inclúe nesta edición tamén unha sección de curtas nas que poderán mostrar o seu traballo autores como Hugo Amoedo, Nacho Canosa, Iván Castiñeiras, Eloy Domínguez Serén e David 
Hernández. Do cinema galego chegarán tamén ao festival de Tui as longametraxes de Alberto Gracia O Quinto Evanxeo de Gaspar Hauser e Ramiro Ledo con VidaExtra. O filme Costa da Morte de Lois Patiño entra na sección competitiva nunha edición na que haberá un espazo especial dedicado ao cineasta mexicano Nicolás Pereda. 

As alternativas á distribución comercial serán motivo dunha mesa redonda moderada polo programador do CGAI, José Manuel Sande na que intervirán Felipe Lage, produtor de Zeitun Films, Manuel Precedo, presidente da Federación de Cineclubes de Galiza, Diego Rodríguez, responsábel do festival Márgenes, creado en Internet, e María Yáñez, da Navalla Suiza, que porá sobre a mesa as posibilidades da rede para a distribución fílmica. Por parte da organización do festival, presentarase o proxecto Play-Doc TV creado como unh aplataforma de video baixo demanda.

Comentarios