Plaxian desde Perú un poema de Emma Pedreira por segunda vez

A poeta coruñesa Emma Pedreira vén de sufrir por segunda vez un plaxio dun poema seu, titulado 'Carta de amor en serie Be', por parte dunha parella peruana que xa foi denunciada en múltiples ocasións pola mesma cuestión. 

148189013807301_emma_pedreira_por_marcos_barral_2016
photo_camera Emma Pedreira [Foto: Marcos Barral]

Xa lle acontecera o mesmo en 2016. Un tal Carlos Alberto Canay gañou o segundo premio dun certame de Guijuelo (Salamanca) cun texto idéntico ao seu poema. Daquela enterouse pola organización, que llo comunicou logo de decatarse do plaxio e de retirarllo ao falso autor. Casualmente o mesmo texto (traducido ao español dun poema orixinal en galego) gañou outro certame, o Cafetín Croché de El Escorial en 2012.

plaxiadoresE agora a autora recibiu noticia doutro plaxio grazas a un poeta leonés -Antonio Manilla- que se enterou de que o mesmo individuo gañou un certame en Perú cun poema del e se puxo en contacto coa galega porque o segundo premio do mesmo certame -chamado Derrama-, asinado por unha tal Ana Cecilia Marín Arana, reproduce exactamente o mesmo poema da coruñesa. 

"Ten o mesmo título e copia até as comas", explica Pedreira. "Polo que puidemos averiguar é unha práctica habitual dos dous, poden ser mesmo parella, acadaron moitísimos premios, e moitos deles retiráronllos. Foron denunciados ducias de veces en España e tamén en Perú, e mesmo lle retiraron o Premio Antonio Gala por plaxiar un libro enteiro". 

Diante desta situación, a poeta pouco pode facer. O dereito internacional é complexo, ademais de custoso, "e eles saben o que fan, xogan con poemarios moi pequenos en premios tamén pequenos, que a nós non nos supoñen unha perda importante, polo que non nos paga a pena meternos a un xuízo internacional, pero para eles eses cartos ao cambio son moitos". Ademais, continúa a coruñesa, "é difícil demostrar en textos tan curtos a autoría. Si en unidades maiores, aí si que hai depósito legal e propiedade intelectual". 

Emma Pedreira: "Estamos desprotexidas polas entidades que nos teñen que defender, así que polo menos queremos alertar da existencia destas conductas e tamén de ferramentas para combatelas"

"Todo isto paréceme absurdo, é que non mudaron nin sequera o título ou unha coma. No caso de Guijuelo cantou moito porque o presentou un home e é un texto feminista, con detalles eróticos claramente femininos", conta Emma Pedreira. "Supoño que son moi preguiceiros, ademais de danados da azotea, é unha cousa moi fácil de descubrir, abonda con entrar en Google. Teñen que estar fatal". 

"Desprotexida"

A escritora acudiu a Cedro na procura de asesoramento pero atopou a calada por resposta. "Estamos desprotexidas polas entidades que nos teñen que defender, así que polo menos queremos alertar da existencia destas conductas e tamén de ferramentas para combatelas, para que as entidades convocantes as utilicen, como o propio Google ou moitas outras". 

Pedreira amosou tamén nas redes sociais nos últimos días o seu desgusto, tamén coas reaccións dalgunhas persoas, que subestimaron a gravidade do asunto. Hoxe mesmo dicía así no seu perfil de Facebook: "Diríadeslle a alguén que lle roubaron o coche que iso é porque o seu coche mola moito? Ou que lle saquearon a casa que é polo seu bo gusto en decoración? Pois non digades máis que se alguén gaña un premio cunha obra plaxiada é dobre premio para a lexítima autora. Por favor, extrapolade o roubo da propiedade intelectual a algo material ou mesmo físico e comparade o dano. Que sorte! A min ninguén me rouba! Hai que foderse!".

Comentarios