domingo 09/05/21

'Plataforma' trae as artes performativas a Compostela

O festival Plataforma de artes performativas decorre do 26 de maio ao 5 de xuño nas rúas e nos espazos museísticos da capital galega.
EuropaPress_3668588_concejala_santiago_mercedes_roson_presentacion_festival_plataforma
Mónica Maneiro, Mercedes Rosón e Iñaki Martínez. (Foto: Europa Press)

Esta terza feira presentouse en Compostela a II edición de “Plataforma. Festival de artes performativas”, que se vai desenvolver entre o 26 de maio e o 5 de xuño na capital galega. Na presentación, acompañaron a concelleira de Acción cultural, Mercedes Rosón, os organizadores do evento, Iñaki Martínez e Mónica Maneiro. 

O festival Plataforma está destinado a acoller “traballos e artistas que están no límite das artes como tal definidas”, e así conxuga as artes escénicas coa literatura, coa música, coa arquitectura e con outras disciplinas artísticas.

O seu desenvolvemento vai ter lugar nas rúas e en espazos de arte da cidade como a galería Nordés, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou a Fundación DIDAC. O seu obxectivo, unha vez máis, “achegarlle estas artes ao público xeral, creando un efecto e ruta e de tránsito”.

As tres persoas encargadas da presentación destacaron que a proposta de 2021 supón “unha grande aposta” polo talento galego, cun cartel no que “máis de 70% das artistas” son de aquí.

Tamén destacan a aposta pola igualdade, “superando amplamente as mulleres artistas ao homes, algo que ocorreu de forma natural”, explicou Iñaki Martínez. Mercedes Rosón quixo lembrar que o certame “reivindica o compromiso co patrimonio material e inmaterial” de Compostela.

O perfil da programación

A programación desta edición do Plataforma vaina inaugurar Amaya González, que colaborará coa Banda Municipal na súa actuación, o 26 de maio. O 1 de xuño chega La Ribot, León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia, que actuará no CGAC. Museo no que se poderá visitar a mostra de Pilar Albarracín, que tamén realizará unha performance na Quintana.

Entre o máis destacado, a estrea da artista catalá Laia Struc, colaboradora de Samesugas, e a nova peza de Janet Novas, que se vai representar no CGAC.

O parque de Belvís será outro dos escenarios, no que se “investigarán formatos”, como as accións poéticas. 

Na clausura poderase gozar, diante do mosteiro de San Martiño Pinario, das proxeccións da artista Marta Verde e da música de DJ Mil.

Na presentación destacáronse as actividades formativas, como encontros coas artistas ou xornadas dirixidas á crianzas. 

comentarios