Unha plataforma reivindica a seguridade na cultura

Critican a falta de diálogo co sector na Coruña
Presentación do colectivo, a comezos do mes de xullo. (Foto: Mónica Martínez).
photo_camera Presentación do colectivo, a comezos do mes de xullo. (Foto: Mónica Martínez).

A plataforma VAI Coruña, nacida a comezos do mes de xullo co obxectivo de facer unha cidade "viva culturalmente" vén de emitir un duro comunicado no que esixen a creación dunha "mesa estábel pola cultura, un dispositivo que inclúa unha representación ampla e diversa dos axentes culturais da mesma e que, con carácter vinculante e compromiso máis aló do unicamente mediático, torne no axente rector da cultura local".

Ademais, demandan o deseño dun Plan Estratéxico "que sirva como guía" para a Cultura da cidade, un documento "deseñado desde o diálogo, cunha perspectiva contemporánea e innovadora e co firme propósito de asentar os rudimentos dunha cidade culturalmente sostíbel e adaptada aos seus tempos".

Detrás das peticións deste colectivo de recente creación están a reivindicación da seguridade das actividades culturais e o agravio comparativo na programación cultural que, para eles, se dá na cidade herculina en relación con outras localidades galegas.

Por iso destacan que "a día de hoxe non se coñecen gromos en eventos culturais, o que demostra que a profesionalidade do sector queda fora de toda dúbida", a pesar de que hai quen emprega "situacións terríbeis como a derivada da celebración de certos eventos deportivos ou determinadas pautas de ocio como escusa para un importante recorte na programación cultural da cidade".

O sector clama por unha "programación cultural"

No seu comunicado, VAI Coruña mírase no espello "doutras cidades galegas que están a realizar as súas programacións culturais baixo criterios de seguridade, sustentabilidade, dinamización local e, sobre todo, profesionalidade", laiándose de que ese "non parece ser o caso da Coruña".

Aclaran que "a reivindicación do sector cultural" foi en todo momento "a derivación dos recursos dedicados ás festas cara a unha programación cultural diversa, descentralizada e de proximidade", polo que consideran "fundamental" que os actuais responsábeis municipais realicen "un firme exercicio de autocrítica" e modifiquen a súa relación fronte ao sector e que "atendan" as necesidades do mesmo facendo da coprodución de políticas culturais "unha obriga ineludíbel". 

Comentarios