Esta sexta feira en Compostela

A plana maior do pop galego arroupa Oh Ayatollah na súa estrea en disco

Son un dos segredos mellor gardados do pop galego. Ou non tan gardados: desde hai algo máis de dous anos, Oh Ayatollah prodíganse polo país. Mais esta sexta feira, estrean o seu primeiro disco longo, Volve a canción protesta, arroupados pola plana maior da escena na Sala Capitol de Compostela.
 

oh ayatollah
photo_camera O grupo Oh Ayatollah. Foto: cedida.

“Non creas que o título do disco ten unha explicación moi gloriosa”, ri Nuno, singular voz e singular letrista da banda, “pero sempre mola ter un disco que se chame como unha canción”. Volve a canción protesta é, tamén, a composición que pecha o elepé e o primeiro videoclip do grupo. Que practica pop de guitarras con arestas garaxeiras, melodías de bubblegum ilustrado e lírica coa rabia de se botar a un mundo feo.

Oh Ayatollah naceu en outubro de 2015. Nun concerto dos coruñeses SraSrSra no pub compostelán A Reixa. “Eu estaba operado das moas do xuízo. Non sei por que che conto isto, pero lembreino”, volve rir, “alí tomamos a decisión”. O que pensaron ían ser os típicos comezos á procura de actuacións excedeu as súas expectativas. “Xiramos bastante, é certo”, di.

oh ayatollah - volve a canción protesta (2018)

A súa proposta, talvez unida polo mínimo común denominador da Velvet Underground á altura de Loaded (1970), asenta na formación canónica do pop: guitarras, baixo, batería e teclados. “Mais no son do grupo é fundamental o Hevi. Cando escoitou o noso primeiro EP [Cancións por se non te quere xa, 2016, formato dixital] propúxonos traballar connosco. E el é responsábel de como soa o disco”, relata Nuno.

E o disco, con edición en vinilo e produción do Hevi -coñecido polos seus proxectos hip hop Malandrómeda e Fluzo-, xoga coas guitarras de baixa fidelidade, ecos dos Modern Lovers e Beat Happening, ou, entende Nuno, de bandas como The Strokes, Blur ou The Homens. “Son referencias que non gustan a todos, outra cousa é o que facemos con elas”, engade.

A decisión de planchar os nove cortes de Volve a canción protesta non partiu “dun concepto previo”. “Queriamos recoller o traballo que estabamos facendo”, explica. Con el achegan unha peza máis ao pop galego e en galego, que vive unha vizosa idade con propostas como Atrás Tigre, Chicharrón ou os veteranos Ataque Escampe. “Non sei se hai unha escena galega, ou unha asturiana ou unha de Ontario”, afirma, “pero en Galiza sempre houbo boas cancións, bos grupos e maneiras de dar a coñecer o seu traballo”. E, nun exercicio de realismo pop, conclúe: “As institucións non son moi proclives, e o público non recibe todo o que se fai. Pero o rock & roll sempre foi así”.

En todo caso, para o concerto desta sexta feira, unha boa mostra das novas, e non tan novas, fornadas musicais acompañarán Oh Ayatollah. Baixo seudónimo, iso si: The Oh, men's (The Homens), Muebles Mendoza (Familia Caamagno), Guateque Escampe (Ataque Escampe), Arre León (Atrás Tigre).

“Son bandas que escoitabamos ao volver de clase no bacharelato, e comentámoslle a Manuel [Caamagno], que nos axuda moito, o que molaría que estivesen no concerto”, relata, “pero era como se dixésemos 'molaría que viñese Zidane botar unha pachanga connosco'. Si, claro, molaría. E ao final, aquí están”. O 2 de febreiro, a partir das nove e media da noite, na Sala Capitol de Compostela.

Nota: cuberta do primeiro elepé de Oh Ayatollah, Volve a canción protesta

Comentarios