EFRAíM DíAZ: "QUEREMOS DIFUNDIR O INSTRUMENTO"

O pito pastoril galego busca o seu lugar

Efraím Díaz impartiu esta cuarta feira unha conferencia-concerto no Museo do Pobo Galego co obxectivo de difundir o pito pastoril galego. Con motivo do evento, Efraím narrounos as peculiaridades e a historia deste instrumento tradicional galego.

IMG-20160602-WA0002
photo_camera Efraím Díaz mostrando o son do pito galego no concerto de onte. Foto: Cedida

Estivo a piques da desaparición, relegado a instrumento de aprendizaxe e mesmo catalogado de xoguete. Mais o pito pastoril chegou á súa madurez e fíxoo grazas a un grupo de músicos e artesáns que quixeron dignificar este instrumento tradicional galego e evitar a súa caída no olvido.

“Sempre se fala del como un instrumento catalogado de ‘xoguete’, pois tradicionalmente collíase unha cana no monte, facíaselle uns furados e isto valía para aprender dixitación a quen non tiña cartos para aprender directamente coa gaita”. Efraím Díaz contounos a evolución do instrumento, dende a súa utilidade primixenia como instrumento de aprendizaxe, ata a súa fase de madurez, na que moito tivo que ver a figura de Basilio Carril. “A raíz de artesáns como Basilio Carril o instrumento foi evolucionando. Antón Corral foi quen conseguiu que o pito pasara de mi, da versión de Carril, a re, para poder tocar coa zanfona, a requinta e outros instrumentos como a gaita, tamén.”

Miguel Mosquera é un dos artesáns que seguen hoxe en día a traballar co pito e foron as súas versións do instrumento as que utilizou Efraím Díaz no seu disco Pitos Galegos, a excepción dunha réplica de Basilio Carril, feita por Corral.

"É un disco moi variado con repertorio barroco, clásico, galego, música celta e new age"

O concerto serviu como presentación do disco, publicado xa no mes de decembro, mais isto remarca o carácter divulgativo do traballo: “Imos facendo presentacións a medida que van xurdindo, máis que para presentar o disco, para que a xente coñeza o instrumento." Segundo Efraím, o disco foi pensado para a difusión e non como unha peza completamente artística: “É máis ben un disco didáctico cun repertorio moi variado porque fai moitos anos que non se publica un disco deste instrumento. Foi o propio Carril quen, no ano 71, publicou xunto cun grupo chamado Os xacobeos un maxi single de catro cancións en vinilo.”

Este é o principal motivo co que Efraím Díaz xustifica a variedade do disco: “Como facía tanto tempo que non se publicaba un traballo adicado integramente ao pito galego quixen amosar o que se podería facer co instrumento. Deste xeito, quedou un disco moi variado con repertorio barroco, clásico, galego, música celta e new age”.

"Reivindico que se use máis o pito galego e non o pito irlandés"

O pito galego é un instrumento adulto e con utilidades moi variadas e Díaz focalizou na importancia de ter a nosa variedade propia dun instrumento presente en moitas culturas: “O pito galego é un whistle galego. Simplemente é a traducción. Eu reivindico que se use máis o pito galego e non o pito (whistle) irlandés. Este instrumento está presente en moitas culturas e Galiza tén o seu propio.”

Agora, a esperanza é que o traballo divulgativo e didáctico que se está a realizar dea os seus frutos: “Hai grupos que si que o usan de xeito esporádico e esperamos que entre as incidencias do libro divulgativo de Moisés Quintas, o meu disco e as presentacións que facemos cada un do noso traballo poidamos difundir o instrumento”.

Comentarios