Pirritx eta Porrotx: Desde Euskal Herria, milleiros de sorrisos para o ensino en galego!

Os pallasos Pirritx, Porrotx eta Marimotots levan 25 anos combinando éuscaro, diversión e valores. E tamén aman o galego. Este domingo, 28, estarán en Compostela nun festival solidario coa escola de ensino galego Semente. E si, haberá tortilla de patacas con xamón!

Pirritx, Porrotx eta Marimotox
photo_camera Pirritx, Porrotx eta Marimotox

Será este domingo, 28 de abril, na Nave de Vidán, en Compostela. Ás 13:00 horas. Unha sesión-vermú solidaria coa escola de ensino galego Semente. As crianzas, entrada de balde. Ose as menos crianzas, un bono-axuda de 10 euros, Todos os fondos irán para o proxecto educativo da Semente. E quen vai actuar nesa sesión-vermú? Pois O Sonoro Maxín e Pirritx eta Porrotx. Que quen son Pirritx eta Porrotx? Pois pasen e lean:

QUÉROTE MÁIS QUE A TORTILLA DE PATACAS CON XAMÓN! (Publicado no Sermos Galiza número 13)

O que comezou hai 25 anos como unha actuación puntual nunha festa do Olentzero (persoaxe do nadal vasco) nunha vila gipuscoana, Lasarte-Oria, é hoxe en día un fenómeno social en Euskal Herria, non só entre @s pequen@s da casa, senón en familias enteiras. Pirritx, Porrotx eta Marimotots non son só tres pallasos a facer rir ás crianzas, que tamén. Son, como explica Joxe Mari Agirretxe, Porrotx, un colectivo actualmente artellado en torno á cooperativa Katxiporreta e que traballa e goza en torno a tres alicerces: éuscaro, diversión e valores.

"Nacemos no seo do movemento social deste país hai 25 anos e seguimos sentíndonos parte desa dinámica popular". O feito de se sentiren comprometidos coa realidade do seu país fixo que ao longo destes anos desenvolvesen diversos proxectos (discos, libros, espectáculos, contos...) onde teñen cabida todos os mundos presentes na sociedade de Euskal Herria, tamén o galego. "Gravamos a canción Maite Zaitut co técnico de son, Kaki Arkarazo (que foi membro de Negu Gorriak, M-Ak e Nación Reixa), que tiña contactos na Galiza. De aí xorde a idea de gravar a versión en galego co Sonoro Maxín", lembra Agirretxe. E a canción triunfou, cun retrouso ("quérote máis que a tortilla de patacas con xamón") que como unha mancha de aceite se estendeu por Euskal Herria e mesmo alén das súas fronteiras. Actuacións como a que deron en Bilbo, perante case 10.000 persoas, incluíron no directo a interpretación desta canción.

Agirretxe, ao fío da conversa, lembra unha anécdota: "Maite Zaitut e as súas versións noutros idiomas fixéronse nun proxecto dunha historia para nen@s sobre unha familia xitana en Euskal Herria. Pois ben, unha familia xitana da Galiza, que tiña familiares en Euskadi, viu alí a canción e o vídeo e encantoulles".

"En primeira liña da solidariedade"

Agirretxe fala do compromiso de Pirritx, Porrotx eta Marimotots por poñer o "euskera en primeira liña da solidariedade". Un obxectivo que se concreta na participación en proxectos con colectivos ambientalistas ou de familias de nen@s con cancro, na edición de contos para @s máis pequen@s "onde abordamos sen prexuízos a diversidade familiar, falando dos nenos e nenas de acollida, dos fogares con pais ou nais homosexuais.."

Agirretxe lembra que, nos principios, cando ían montar un espectáculo, "preguntabámonos que era o que lle gustaba aos nenos, e diciamos, as lambetadas, xeados... Vale, mais tamén hai moitas outras cousas que se poden tratar, valores..." E neste compromiso Pirritx, Porrotx eta Marimotots desenvolven proxectos moi diversos, por exemplo, o dirixido á comunidade senegalesa que vive en Euskal Herria ("o mundo non é en branco e negro, senón un puzzle de cores, de culturas..."). Ou o que desenvolven para as e os nenos con cancro: "Fomos actuar a un hospital e alí coñecemos a Ane, de 16 anos e cun cancro desde os 13. Cantou, bailou enriba da cama... e pouco despois ía ser operada.Transmitiunos toda a súa ledicia, cando eramos nós os que lla tiñamos que transmitir a ela".

"Gozamos. Non paramos"

Con motivo desa experiencia naceu Eskerrik asko, un espectáculo no que tratan o cancro n@s máis pequen@s e onde Marimotots (a súa imaxe característica é cunhas longas trenzas) saía calva". Pirritx, Porrotx eta Marimotots recoñecen que lles encanta o que fan. "Gozamos. Non paramos". E que manteñen enerxía e compromiso. "Ao acabar un espectáculo, baixamos entre os nenos e dámonos apertas e bicos. Sentir, iso é o importante".

Comentarios