Piornedo celebra o X aniversario da Festa da Pandeira, o instrumento que deu voz ás mulleres dos Ancares

O 22 de agosto reuniranse no Piornedo 15 tocadoras de Galiza, Asturies e León para un evento único no que tamén haberá un programa completo en actividades.

Pandeira

Desde hai dez anos, Piornedo (Cervantes) acolle o único encontro adicado á 'pandeira', un instrumento tradicional dos Ancares galegos e as zonas colindantes de León e Asturies. De maior tamaño que a pandeireta, é un instrumento “empregado durante séculos para acompañar o canto das mulleres”, como sinalan desde a organización da Festa da Pandeira, que corre a cargo de AC 'O Teixeiro' e o grupo 'Pola Vila'. Este ano daranse cita 15 tocadoras, todas mulleres: de Donís (Galiza) a Lumeiras (León), pasando por Degaña (Asturies), mulleres tocadoras que levan décadas coñecendo o segredo da pandeira.

No traballo Os instrumentos musicais na tradición galega as pandeiras defínense como “pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco (…) consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban“

pandeira 1A tocadora homenaxeada este ano é María González, de Trabau (Degaña, Asturias), nada en 1932. Entre os seus méritos cúntanse ter un disco editado xunto ca súa irmá Arcides, aparecer varias veces en televisión, protagonizar artigos de prensa, impartir cursos de pandeira e canto, ter realizado un bon número de recitais e conceder entrevistas a innumerables folcloristas interesados en recoller as súas habilidades tocando e cantando.

Esta Festa é,ademais, un punto de encontro e convivio para a veciñanza das comarcas e para os amantes e estudosos da música tradicional. No programa hai, ademáis de música, xantar de confraternidade e mesmo un baile nocturno no que quen quixer pode tomar parte co seu instrumento.


 

Comentarios