xoves 06/08/20

O piollo verde e a limpeza ideolóxica no franquismo, por Xoán Costa

Imaxe: José Alberto Palanca, Director Xeral de Sanidade (1930 e 1936-56. (Banco de Imaxes da Real Academia Nacional de Medicina)
Imaxe: José Alberto Palanca, Director Xeral de Sanidade (1930 e 1936-56. (Banco de Imaxes da Real Academia Nacional de Medicina)

A Galiza de 1918 non só sofreu os efectos da febre española. En abril comeza a falarse da posibilidade dun andazo de tifo exantemático en Lira, Carnota, cun caso mortal.

A poboación sabía do acontecido en Madrid en 1909, nun andazo que provocara 1051 mortos e que se estendera até 1910; tamén sabía dos mortos habidos en 1914, en Vigo, por mor do outro tifo, o causado non por un piollo mais pola contaminación das fontes públicas e que causou 994 mortos.

O caso de Lira andou parello co andazo sofrido na cidade do Porto, aquí cunha media de 60 casos diarios e 20 mortos, e que levou á prohibición de as barcas que operaban no Miño introducir na Galiza non só persoas senón tamén “trapos e demais materias contumaces” sen autorización médica. Por se esta non era suficiente, o goberno acudiu á Garda Civil “concentrando na fronteira, para a súa vixilancia, un capitán, tres tenentes e cen individuos da Garda civil”

Impuxéronse medidas de illamento e rápida desinfección, mediante a introdución da roupa en caldeiras para a ferver e, na procura de culpábeis, atribúese a un trapeiro portugués ser o portador da doenza ao entrar en trato cunha muller coñecida como a “monxa”, que faleceu ao pouco tempo e contaxiou os asistentes ao enterro.  En xuño o alarme chega a Santiago mais non pasou de alarme.

Desconfía do viciño

Cando si houbo alarme, andazo e moitos cárceres se converteron en campo de experimentación de vacinas contra esta infección producida pola picadura dun piollo foi nos primeiros anos de guerra e na posguerra, especialmente até o ano 1945. E foi cando a doenza comezou a coñecerse como o piollo verde. Hai quen di que a denominación procede duns cartaces destinados a evitar a pediculose que mostraban un piollo pintado de verde. Mais tamén hai que se inclina por pensar que procede dunha famosa canción, moi popular na zona republicana, titulado Ollos verdes. Foi esta unha canción escrita por Rafael León e musicada por Quiroga, modificada varias veces pola censura e popularizada por Conchita Piquer, que recebeu varias multas por cantar a versión orixinal, “Apoyá en el quicio de la mancebía”  en vez da proposta da censura: "Apoyá en el quicio de tu casa un día"

Así o conta Angel Casas Carnicero, médico que traballou con moitos destes doentes. “Naqueles anos, era unha canción moi en voga, a dos 'ollos verdes', que foi clasificada como moralmente moi má por parte da Igrexa, cousa lóxica, porque a dos ollos verdes estaba na porta do bordel, e cando o cantante di adeus e a quere agasallar para 'vestío', ela responde: "Ve, me dijo, estás cumplío, no me tíes que dar na”.

O andazo tífico foi a maior das preocupacións sanitarias das autoridades franquistas pola súa potencial perigosidade de cara ao exterior á vez que conformadora dunha imaxe de país contraria á proposta polo réxime. Sen pudor, axiña se identificou a limpeza material, necesaria para manterse alleo a infección,  coa limpeza ideolóxica, escenificando o paralelismo entre contaxio físico e contaxio moral. Era tamén o momento idóneo para fomentar a delación e a denuncia:

“¡Toma tus precauciones, que estamos en momentos de epidemia. Nosotros trabajamos; pero cuidate tú de protegerte a tí mismo, y cuidado con tus vecinos!”

 O piollo verde resultou realmente eficaz para as redes propagandísticas do réxime ao establecer unha relación estreita entre a suxidade, a falta de limpeza e os vencidos na guerra, os inimigos do Novo Estado. Foi así como a loita contra o “piollo verde”, nome popular da doenza, mudou para loita contra o “piollo vermello” moito máis temíbeis, en palabras do director xeral de sanidade nunha transposición moi próxima á que logo utilizou a Alemaña nazi.

comentarios