Mostra de bosquexos de viñetas

O pintor Maside prepárase para a prensa

Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Compostela, 1958) tamén pintou en papel prensa. As principais cabeceiras do tempo anterior á Guerra Civil acolleron as súas sátiras debuxadas, as súas estampas populares, os seus retratos deformados. A Fundación Laxeiro, con sede en Vigo, inaugura este 25 de outubro unha exposición sobre as súas viñetas na prensa.
debuxo maside
photo_camera Debuxo de Carlos Maside. Imaxe: Fundación Laxeiro.

A mostra acolle reproducións de páxinas de El Pueblo Gallego publicadas entre 1927 e 1936 e unha escolma de corenta bosquexos e debuxos preparatorios. Os materiais fan parte do legado dos herdeiros do artista depositado no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada.

viñeta carlos masideEn Carlos Maside e o debuxo satírico, que ficará aberta até o 19 de xaneiro de 2020, poderanse ver os tres tipos de métodos que empregaba o pintor nas súas colaboracións gráficas coa prensa: a viñeta, de crítica social e política; a estampa popular, que representa escenas populares case sempre de mulleres en diversas actividades e oficios; e caricaturas de maiormente políticos.

Con todo, Maside tamén ilustraba artigos, cómicas, carteis para festas locais ou pequenos debuxos para intercalar nos contidos dos xornais. Aínda que esta exposición, comisariada por Rosalía Pazo Maside, se centra nos seus traballos para El Pueblo Gallego, as principais empresas xornalísticas recibiron as súas achegas: Vida Gallega, Faro de Vigo, Nueva España, Política, El Sol, Libertad, La Raza, Flirt ou Galicia.

“O grafismo de Maside foise desprendendo da estilización modernista, aínda dominante nos debuxantes satíricos”, indica a nota de prensa da Fundación Laxeiro, “e asimilándose á sinxeleza e precisión de liñas dos apuntes do natural tan habituais nel dende ben mozo”. A súa estadía en París como bolseiro nos anos 1926 e 1927 serviralle para estudar técnicas de gravado, amais de se familiarizar coa obra de George Grosz, Otto Dix ou o belga Frans Masereel.

Obra orixinal, reproducións e un vídeo con traballos non incluídos na exposición conforman a mostra.

Nota: viñeta publicada en El Pueblo Gallego.

Comentarios