Sábado 29 de xuño

Pilar Pallarés, Escritora na súa Terra da AELG

A poeta Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) ten un ritmo demorado de publicación, Apenas cinco libros en 30 anos. Porén, a súa obra conta entre as máis determinantes da poesía galega recente. Este sábado, 29 de xuño, recibe o recoñecemento dos seus colegas: a Asociación de Escritoras en Lingua Galega distínguea como Escritora na súa Terra.

pilar pallarés foto aelg
photo_camera A poeta Pilar Pallarés. Foto: AELG.

Aínda nada en Culleredo, nunha aldea desaparecida pola ampliación do aeroporto de Alvedro -trátao no seu último volume, Tempo fósil (Chan da Pólvora, 2018), Pallarés reside hai décadas na Coruña. Esta é a cidade elixida pola AELG como epicentro da homenaxe, que comezará ás once e media da mañá no xardín do Centro Ágora.

Alí intervirá a alcaldesa Inés Rey -ou persoa en quen delegue-, o presidente da asociación Cesáreo Sánchez Iglesias e mais da propia poeta. Ademais descubrirase un monólito cos seus versos e plantarase un carballo, “árbore simbólica da escritora”. Unha hora despois, xa no interior do Ágora, decorrerá o tramo central da xornada.

De novo intervirán representantes da Alcaldía e mais da AELG, e a poeta Eva Veiga (Pontedeume, 1961), en cuxo labor detéctase a pegada de Pallarés, lerá a correspondente laudatio. A autora do emblemático Livro das devoracións (Espiral Maior, 1996) responderá. En conmemoración recibirá unha escultura de Soledad Penalta que representa a Letra E.

A homenaxe finalizará ás dúas e media cun xantar de confraternización no restaurante Domus da Coruña. As prazas para asistir ao mesmo son limitadas e cómpre reservalas na AELG.

Comentarios