'Tempo fósil' e 'Extraordinario'

Pilar Pallarés e Antón Lopo, premios da Crítica 2018

O quinto libro de poemas de Pilar Pallarés e a primeira novela de Antón Lopo en oito anos son os Premios da Crítica Española 2018 en lingua galega. Tempo Fósil (Chan da Pólvora, 2018) e Extraordinario (Galaxia, 2018) titúlanse as obras distinguidas pola Asociación Española de Críticos Literarios a proposta da Asociación Galega da Crítica.
 

premios crítica
photo_camera Pilar Pallarés e Antón Lopo. Fotos: cedidas.

tempo fósil

Con Tempo fósil, Pallarés (Culleredo, 1957), unha das poetas máis influentes de entre as promocións da década dos 80, adentrábase na memoria familiar e abrogaba as derregas entre o íntimo e o colectivo. A destrución da casa e a compaixón por todos os seres vivos, as cicatrices do eu e a rabia de raíz política comparecen nun volume que, para o xurado, amosa “unha escrita medida e esixente”.

“[Tempo fósil] vólvese unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra como humus, ósos, crisálidas ou felinos”, sinala o fallo, “e suma outras marcas do tempo e do desposuimento”. Poética da ruína pero non da resignación, o libro clausurou un silencio editorial de sete anos.

Na tarxectoria narrativa de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén poeta e biógrafo, Extraordinario sucede a Obediencia (Galaxia, 2010). Se esta era unha distopía, a obra premiada pola crítica -antes foino no Premio Repsol de Narrativa Breve- é unha brutal disección das relacións familiares, o retrato da conquista da liberdade individual.

extraordinario

“De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais”, considerou o xurado, “para internarse na conformación mesma da identidade”. Un humor escuro e implacábel atravesa as páxinas dun relato destemido, acedo e e emotivo.

Os Premios da Crítica Española 2018 déronse a coñecer este sábado, 6 de abril, en Vilafranca do Bierzo. A iniciativa naceu en 1956, pero as modalidades en galego, catalán e eusquera activáronse vinte anos despois. As propostas galegas decidíranse o pasado 21 de marzo nunha xuntanza da Asociación Galega da Crítica na facultade de filoloxía da Universidade de Compostela.


 

Comentarios