A artista plástica mostra a súa obra, este mes, na Casa da Cultura de Sada

Pilar Bonjoch: "As acuarelas están moi arroupadas e nelas está presente a miña faceta como escenógrafa"

Filla dunha betanceira e dun catalán e criada na Coruña, leva desde o comezo do ano 2000 vivindo e inspirándose en Sada. Asegura que desde que ten uso de razón sentiu atracción pola pintura e polas cores e iso levouna a matricularse na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, especializándose en Cerámica e Deseño de Interiores. Na súa estancia na escola, xa nai de dous nenos, non desaproveitou ningún dos monográficos que se ofertaban até o momento no que xorde a oportunidade de facer a súa primeira mostra en América do Sur. Agora, a súa obra está exposta, até o vindeiro 29 de outubro, na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. 
pilarbonjoch
photo_camera Pilar Bonjoch coas súas acuarelas de fondo. / Nós Diario

-Fálenos dos seus primeiros pasos na pintura, desa mostra inicial en América do Sur, da súa formación...

-A primeira exposición, a que levei a América do Sur, foi de acuarelas, porque me iniciei na acuarela con Puig Ortiz, e traballei esta técnica, primeiro na adolescencia e despois xa durante a década de 1980.

Tamén traballei o acrílico e o óleo pero, sen saber por que, sempre volvín ás acuarelas. Atrápame moito o inmediata que é e a súa frescura. Aínda así, indaguei sobre outros elementos, por exemplo, técnicas orientais de pintura, que son moi difíciles de desenvolver pero servíronme tamén de grande axuda para o manexo dos pinceis. E hai tres anos inicieime na pintura en cera, moi laboriosa, require moito espazo, pero tamén é moi bonita e ten moito que ver coa acuarela. 

-En que consiste esta mostra que se expón até fin de mes na Casa da Cultura? Que ten que ver co lugar no que vive?

-Aló polo ano 2000 xurdiume a oportunidade de coller unha casa aquí en Sada, en Fontán, o barrio dos pescadores. Identifiqueime tanto con esta contorna que aquí quedei e, desde aquí, parte a exposición que está agora na Casa da Cultura. Estrutúrase en cinco temas, que arrancan na contorna da miña aldea e que van desde o meu lar até bosquexos de xente anónima pasando por un roteiro vital que nos leva ao Brasil, á Patagonia...

Identifiqueime tanto con esta contorna que aquí quedei e, desde aquí, parte a exposición que está agora na Casa da Cultura

 En canto ao modo de facer é unha serie moi técnica, baseada en planos reais de Fontán, nas súas rúas e nas súas casas. É, dalgunha maneira, moi documental. Emprego acuarelas, lápices e tintas. Pero como xa dixen, ademais do meu lugar aquí en Sada, tamén hai acuarelas do Brasil, a onde levei a miña anterior mostra, Princesas do Atlántico; pinturas da Patagonia, na vertente atlántica e tamén na área chilena; e unha serie de apuntamentos que levan por nome “Compañeiros”, bosquexos de persoas que capto nun momento e que, unha vez feitos, me lembraron o traballo que faciamos nas clases da escola Pablo Picasso.

A montaxe está moi arroupada, non só son as 33 obras que compoñen a exposición, senón que tamén está moi presente o meu traballo anterior como decoradora de interiores e escenógrafa. Cada serie temática vai encabezada por unha frase dunha canción, así que incluímos códigos QR que permiten á persoa que visita a mostra escanealos para poder escoitar eses temas.

Ao estar a mostra na súa vila de residencia, unha parte importante das visitas serán da veciñanza. Que resposta está a recibir?  

A resposta que recibo é boa e, sobre todo, é unha resposta moi natural, nada finxida. Gústame moito ver que o público sae moi contento, porque ve unha exposición alegre, entendíbel, que lles dá paz e lles dá sosego.

O máis curioso de vivir nun lugar como este é que sorprende a reacción das persoas máis e menos coñecidas, porque é moi de sentimento, e esa é unha das principais diferenzas que percibo fronte a outras exposicións en cidades máis grandes, por exemplo. 

A reacción da xente é moi sincera e tamén me permite afondar, non só na relación propia, senón tamén na do público coa miña obra, porque me comentan o que lles parece ou incluso me preguntan sobre algunha das pezas. Isto é moi satisfactorio, gustaríame que a arte chegase a todas as persoas, por exemplo chámame á atención que a rapazada adolescente non amose interese polas exposicións.

Comentarios