Piden a protección de varias penas con petróglifos no Incio

Nos montes de Vilasouto, a perto de 600 metros de altitude.

Patróglifos no Incio (Colectivo Patrimonio dos Ancares)
photo_camera Petróglifos no Incio (Colectivo Patrimonio dos Ancares)

O Colectivo Patrimonio dos Ancares atopou varias penas con petróglifos a case 600 metros de altitude no Concello do Incio, na comarca de Sarria.Un achado que dubidan se cualificar como “descuberta” ou “redescuberta” deste patrimonio, pois se por unha banda consideran que poden ser os que o PXOM do Concello recolleu no seu día como “Petróglifos da Pedra Escrita”, non desbotan que podan ser outros.

En todo caso, sinalan que estas penas non figuran no PBA, Plan Básico Autonómico, da Xunta e recentemente actualizado, “un documento fundamental para a protección dos bens patrimoniais”.

Este colectivo advirte que de non figurar nese Plan é “como se non existisen”, polo que de se producir unha actuación na zona poderían resultar danados.

O propio colectivo describe nun comunicado o achado: “Nun afloramento de lousa lixeiramente inclinado, arredor dunha pía situada na parte superior da rocha, distribúense varias pequenas coviñas. Da pía sae unha longa canle da que parten varios sucos que embocan nas coviñas. En total contabilizamos 26 cazoletas.

A poucos metros, en lousas situadas rente ao chan, localizamos outros cinco grupos de gravuras: tres con dúas coviñas e unha ferradura cada unha, unha con cinco coviñas e once ferraduras, outra con sete coviñas e seis ferraduras, e unha última con trece coviñas.

O último grupo, a 570 metros de altitude, si se trata dunha nova descuberta que documentamos grazas ao veciño David Mourelo. Documentámolo a uns 500 metros dos anteriores, tratáse dunha pena de lousa sobre cuxa parte horizontal distribúense dez coviñas.

O Concello do Incio é o que máis motivos de gravuras con forma de ferradura ten da Galiza”.

Comentarios