Piden mans para erguer San Paio de Abeleda

“O Sorriso de Daniel” regresa este sábado 27 e domingo 28 a de San Paio de Abeleda, en Castrocaldelas, e pide mans para contribuír a volver á vida o único mosteiro da Ribeira Sacra que continúa abandonado e non se pode visitar. 

Interior San Paio (sogo: O Sorriso)
photo_camera Interior San Paio (sogo: O Sorriso)

O obxectivo é cortar as hedras do muro sur da igrexa e limpar o anexo sur, limpar a Capela dos Taboada-Quevedo, entrar na sacristía e continuar o labor que quedou encetado na primeira xornada colectiva de limpeza, é dicir, adicarse aos muros do adro e recortar os arbustos. Por segunda vez, o Sorriso de Daniel organiza unha limpeza colectiva para poñer mans á obra no que desde hai case dous anos é un dos seus principais obxectivos, botar luz sobre o estado de San Paio de Abeleda e sumar esforzos para conseguir que volva ser o espazo aberto e participativo que lembra a veciñanza, protagonista tamén das accións da asociación. 

Canda as persoas voluntarias que constitúan as “brigadas” de limpeza que tirarán herbas e maleza do edificio e o terreo adxunto, estarán persoas que viven en Abeleda volcada nas iniciativas de O Sorriso a través das asociacións San Paio de Abeleda e Cocas e Danzantes de Santa Tegra. 

O coñecido como “De-Ambulatorio” de O Sorriso de Daniel supón tamén unha maneira de chamar a atención pública sobre o estado do patrimonio románico, paixón dos seus membros. “O día 29 seguiremos a traballar para que sexa a hora dos profesionais e San Paio de Abeleda non caia no esquecemento” sinalan na convocatoria pendurada no seu web na que piden que se leven os apeiros que teñan a man, roupa cómoda, comida e moita enerxía para compartir. 

Por que?

E todo isto por que? Pregúntanse en O Sorriso para dar, a seguir, eles mesmos a resposta: “Por que nos ferve o sangue ao ver que unha parroquia que ten unha igrexa coma esta ten que celebrar as festas do Carme debaixo dun paraugas de terraza. Pero sobre todo porque os galegos e galegas que están por nacer non merecen tanto abandono”. 

No blog do Sorriso de Daniel recollen unha crónica da anterior xornada de limpeza comunitaria, ilustrativa dos obxectivos da asociación, máis un amplo álbum de fotografías. Con anterioridade, O Sorriso organizara unha exposición de fotografías con veciños e veciñas da localidade que se tiñan bautizado na parroquia ao pé da pía, mostra con imaxes de Soledad Felloza e textos literarios que se expuxo no lugar como reivindicación da propia veciñanza. No blog están tamén todas as indicacións para participar na convocatoria para limpar Abeleda este fin de semana. 

Comentarios