Picaversos bota a andar unha acción de poesía mural en Compostela

Follas con poemas de Lupe Gómez e Estevo Creus repartiranse hoxe no Picaversos, coa idea de seren pegadas polas rúas da cidade. “A Compostelana”, nome da acción, entra na rede da que toman parte La Madrileña, La Porteña e La Parisienne, nas cidades de Madrid, Bos Aires e París.
Olalla Cociña e Branca Novoneyra
photo_camera Olalla Cociña e Branca Novoneyra

As poetas Branca Novoneyra e Olalla Cociña animan cada sesión dos Picaversos, o encontro poético que se reune no pub Modus Vivendi de Compostela, por volta das 21.00. A sesión de hoxe, dedicada ao rock and roll en que participarán Lucía Aldao, Luís Pardo e Alfonso Espiño, ten un elemento especial, nela bota a andar o proxecto de poesía mural “A Compostelana”, que pon en relación a cidade de Compostela, con París, Bos Aires e Madrid.

As organizadoras queren que polas rúas da cidade se atope a poesía e para iso repartirán unhas follas voandeiras para o que solicitan o apoio co fin de as pendurar polas paredes das rúas e prazas. Os versos de Lupe Gómez e Estevo Creus serán os primeiros que se expoñan ao público nesta acción poética participativa. A organización do Picaversos, fai para hoxe á noite unha petición a quen participe no encontro poético: “Pegade un cartel de A Compostelana de camiño a casa para encher as rúas e mañá a poesía traspasará os muros e as paredes da nosa cidade”.

Comentarios