'Picasso branco no recordo azul' afonda na infancia do artista na Coruña

A exposición indaga na influencia da Galiza na súa pintura
Detalle dunha das obras que se poden ver na exposición, na que se mostra unha gaita debuxada por Picasso.
photo_camera Detalle dunha das obras que se poden ver na exposición, na que se mostra unha gaita debuxada por Picasso.

Onte abriu ao público, no Museo de Belas Artes da Coruña, Picasso branco no recordo azul. Debuxando o futuro. A mostra, que fai parte da conmemoración internacional do cincuenta aniversario da morte do artista, exhibe até o 25 de xuño, unha selección de 120 pezas que rastrexan as pegadas que deixou na súa obra o período da súa infancia vivido na cidade. 

Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación xeral de Ángeles Penas, directora do Museo de Belas Artes coruñés, a exposición indaga nos temas e as variábeis iconográficas que deixou esta época no artista, así como "os conceptos ou a dimensión das súas ideas e as súas precoces experiencias coa linguaxe visual". 

A Celebración Picasso 1973-2023 xira ao redor dunhas cincuenta exposicións e eventos que se celebran en institucións culturais de renome de Europa e América que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A conmemoración permite facer balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante o simposio internacional que se celebrará no outono de 2023, coincidindo coa apertura do Centre d'études Picasso en París. 

 

Picasso iniciou a súa formación académica e asumiu a súa condición de artista na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. El mesmo consideraba que a súa infancia e primeira adolescencia foran cruciais para chegar a ser o que foi. Estes anos foron exhaustivamente estudados na exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, na que se daba a coñecer, desde unha mirada diacrónica, toda a súa produción coruñesa.

Na exposición, póñense de manifesto as débedas que o creador ten con aquel período que xamais esquecería, talvez a única etapa formativa na que se sentiu feliz, fortalecido por un sentimento de liberdade e confianza en si mesmo. Ronald Penrose afirma que na Coruña xa "triunfara en relación ao seu pai e aos catorce anos estaba seguro das súas facultades e do seu criterio". Nos anos que viviu aquí foi descubrindo a cidade experimentando a través do debuxo: captou as rúas, os monumentos, as praias, os montes e as personaxes que supuxeron a orixe do artista que acabaría por definir o século estético máis convulso. 

O título da exposición está extraído dun dos seus poemas, cuxos versos aluden ás cores azul e branca, que evocan unha marcada identidade coruñesa desde mediados do século XIX e que o propio Picasso chegou a identificar coa cidade.

Comentarios