A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Phoenix: Un filme que é a sorpresa da temporada

Nelly (Nina Hoss) consigue saír con vida dun campo de concentración nazi tras rematar a II Guerra Mundial. Volve co rostro totalmente desfigurado por mor dun disparo así que, coa axuda da súa amiga Lene (Nina Kunzandorf), pide a un eminente cirurxián que llelo reconstrúa para que sexa o máis parecido a como era antes e así buscar a Johnny (Ronald Zehrfeld), o seu marido pianista, coa esperanza de comezar xuntos de novo.  

phoenix

Pasa en contadísimas ocasións o de meterse nunha sala de cine calquera, sen saber moi ben o que se vai ver, tirando un pouco do descarte, iso si, e saír cun sorriso de orella a orella pola inmensa satisfacción de non haber tirado os cartos e, sobre todo, por haber presenciado unha das mellores películas, de seguro, do ano. Ou mais ben do ano pasado inda que se estreara este... Trata de Nelly, unha sobrevivente dun campo de concentración que reconstrúe a súa faciana desfigurada para tratar de ser como era antes e así reencontrarse co seu marido. Como é de esperar a cousa non sae como ela esperaba.

Christian Petzold volve a contar coa súa musa Nina Hoss para o papel protagonista. Coñécea tan ben que sabe perfectamente ate onde pode chegar e así poder explotar todas as súas facetas interpretativas para darlle a cada secuencia a cantidade de matices necesarios para construír esta demoledora historia de amor en tempos de posguerra no medio da paisaxe derruída do Berlín Occidental de 1945 tras un dos maiores conflitos do planeta. Época convulsa de renacemento das cinzas pero tamén o inicio doutros problemas que aínda colean hoxe en día. Destaca por riba de todo o tema da recolocación pactada dos xudeus en territorio palestino.

Un breve apunte de historia, pero ben recalcado por Petzold, que parece querer darlle un enfoque máis realista e neutral do que xa apuntara Paul Verhoeven en O Libro Negro. Con todo, o quid de Phoenix non é os crimes de guerra, os xudeus ou o holocausto. Tócase o tema si, porén a cousa é máis ben un mero mcguffin para enfocar o tema no drama dunha muller namorada ate os miolos que apenas se recoñece a si mesma, insegura polas circunstancias e traumatizada polo horror, que logra sacar forzas de onde non ten para tratar de recuperar ao seu marido e, de paso, a si mesma cal ave fénix. Visto así podería parecer un filme do montón, pero nada máis lonxe da realidade. A maneira in crescendo coa que avanza o nivel de confianzas, desconfianzas e posibilidades da trama é pura delicia. Multitude de capas, matices e sentimentos encontrados, como se de unha cebola se tratara, que se van abrindo ate chegar verdadeiramente ao corazón.

Un deses filmes que paga a pena ir descubrindo paseniño segundo se nos van revelando os feitos que nos levan da man ate un clímax final que é, sen exaxerar, para enmarcar. E ate aquí podo ler... Destacada banda sonora, sobre todo coa peza Speak Low interpretada a capela pola propia Nina Hoss que encrespa o cabelo, e unha fotografía de Hans Fromm, tamén habitual de Petzold, non tanto pola mestría na encadre, que tamén, senón polo uso narrativo das tonalidades cromáticas. Phoenix é a sorpresa da tempada. Unha tremenda xoia de reminiscencias hitchcockianas que por riba se proxecta nun par de salas en versión orixinal... Preciso dicir máis?

PHOENIX

(Alemaña 2014, 98 min.)

Director: Christian Petzold

Guión: Harun Farocki e Christian Petzold

Fotografía: Hans Fromm

Música: Stefan Will

Elenco: Nina Hoss, Ronald Zehrfeld, Nina Kunzendorf, Uwe Preuss, Michael Maertens, Imogen Kogge, Kirsten Block, Eva Bay, Megan Gay

Comentarios