Este, un dos máis celebrados exemplos do noir estadounidense, carecía de versión galega. Até este mes de marzo, en que Hugin e Munin a publicou, da man do tamén escritor Diego Ameixeiras e do tradutor, e director da editorial, Alejandro Tobar. “A primeira vez que o vin, Terry Lennox estaba bébedo nun Rolls-Royce Silver Wraith, no exterior da terraza de The Dancers”, pon Chandler en situación.
O longo adeus narra a historia cruzada de Terry Lennox e Roger Wade, e aproveita para trazar un descarnado relato das clases altas californianas. Segundo Hugin e Munin, trátase da “obra máis ambiciosa” de Raymond Chandler, cincocentas páxinas e “unha demostración de forza”. En 1973, Robert Altman adaptouna memorabelmente ao cinema.
Malia se tratar dun clásico, o crítico Xesús González Gómez amosaba no seu feroz breviario A novela policial. Unha historia política (Laiovento, 2002) certas reservas respecto da escrita de Chandler. “Representa, no xénero, o momento da reconciliación e da beleza”, escribía, “o que non nos debe facer esquecer que este xénero, baixo pena de converterse nunha forma vacua, non pode reconciliarse”. Todo o contrario que Dashiell Hammett, sinalaba. A quen tamén traduciu Diego Ameixeiras para Hugin e Munin.
Colleita vermella, de 1929, é a única novela de Hammett en galego. Hai ademais contos na Antoloxía do relato policial (Vicens Vives) ao coidado de J. Santamaría e P. Alonso e na escolma Negras sombras (Galaxia, 1997). Do período clásico, que se divide talvez en dúas promocións, contou mellor fortuna o turbio, dostovieskano, Jim Thompson. Rinoceronte Editora publicou tres das súas peza maiores: O asasino dentro de min (1953/2012), Pob. 1280 (1964/2012) e Os caloteiros (1963/2013). Eva Almazán encargouse das traducións.
Só un título de Georges Simenon existe en galego. E iso que o francés redactou máis dun cento de aventuras do comisario Maigret, revalorizadas polo canon despois de pasar apenas por narrativa de quiosco. Porén, Maigret na escola (Vía Láctea, 1954/1992, tradución de Xosé Manuel Oca) é dificilmente localizábel.
Actualidade
Alén do olimpo noir, tamén hai autoras contemporáneas na literatura en galego. Por caso, a violenta Pericle o negro (Rinoceronte, 1993/2006, tradución de María Cristina González Piñeiro), de Giuseppe Ferrandino, protagonízaa o criminal, todo un subxénero. Na banda oposta, o comisario Montalbano de Andrea Camilleri, escritor siciliano e comunista: A pista de area (Galaxia, 2007, tradución de Carlos Acevedo).
Francia chegou a construír un modelo propio de narrativa negra -a etiqueta, por certo, procede da cor da colección policíaca da editorial Gallimard-, o seco, pesimista, polar. A esa tradición átase Pierre Lemaitre, cuxo Tres días e unha vida (2016/2018) traduciu Moisés Barcia para Rinoceronte. Fixo o propio con As almas grises (2005/2016), de Philippe Claudel, quen adopta as formas noir para transcendelas nunha novela que transcorre nos anos da Gran Guerra.
Enigma
Antes de que os escritores de novela negra decidisen auscultar a sociedade e elaborasen esa especie de literatura moral do capitalismo en que, nos mellores exemplos, derivou, houbo antecedentes. A denominada novela de enigma foi un deles. En galego publicouse unha das súas máis acabadas mostras, O misterio do cuarto amarelo (Xerais, 1919/1986), de Gaston Leroux. Máis recentemente saíu Angel Esquire (Hugin e Munin, 1919/2012, tradución de Alejandro Tobar), de Edgar Wallace.
Entre 1995 e 1997, Galaxia editou nove volumes de Sherlock Holmes en versión de Bieito Iglesias e Manuel Vázquez. E Edicións do Cumio, libros de Nicholas Freeling -Amor en Amsterdam (Edicións do Cumio, 1962/1991, tradución de Miguel Fernández Nogueira e Xosé Manuel Dasilva); Gilles Perrault -O patinazo (1989, tradución de X. Carlos Álvarez Quintero)-; Pierre Gripari -O enigma da herdanza Hertz (1989, tradución de Carme Ruibal e Xosé María Lema Suárez)-; e J. L. Livingstone -O asasino da Torre de Londres (1994).
Nota: cuberta da edición galega de O longo adeus.