Cultura

Peter Punk ofrece a visión máis irreverente da pandemia

O pallaso Peter Punk ten novo espectáculo "viral". Chámase 'Punkdemia' e nel espreguiza, en catro fases, a súa particular visión da actualidade desde unha perspectiva cómica, mais tamén esperanzadora,  especialmente concibida para a cativada. O artista chama a "darlle a volta á curva" coa "vacina do sorriso". 
Peter Punk
photo_camera Peter Punk

O irreverente Peter Punk ten un novo espectáculo de rigorosa actualidade: Punkdemia. Aínda que se ía estrear a pasada semana en San Sadurniño, a chuvia obrigou a cancelalo. Así, o primeiro pase está previsto o 7 de agosto na parroquia de Igrexafeita, do mesmo concello.

O confinamento colleu a Peter Punk rematando outro número, mais ficou apartado para atender a demanda de entretemento para a cativada neses momentos difíciles. Desde a canle da cooperativa Charlatana fixeron un esforzo por pór a disposición das máis pequenas contidos para facer máis levadío o encerro.

Nese mundo de illamento a través de pantallas individuais, "de súpeto pasounos a todos o mesmo", explica o pallaso. É por iso que decidiu armar un espectáculo arredor desta "nova anormalidade, como eu lle chamo", explica, na que todas nos sentimos identificadas. Ao traballar principalmente na rúa, xa está afeito a adaptarse ás circunstancias e incorporar moitos chistes ou comentarios relacionados coa actualidade.

"Un pallaso non pode dar unha solución real, pero pode darlle a volta á curva de contaxios para que saia un sorriso", opina Peter Punk

De tal maneira, non lle custou implementar este espectáculo "viral" no que se transforma no doutor Punkdemia, unha personaxe que ofrece "a súa particular visión da pandemia, con consellos que non serven para nada", brinca. Artellado seguindo catro fases, como as do desconfinamento, e con todo ese vocabulario que pasou a dominar a nosa vida cotiá, atende cuestións desde como se viste agora un pallaso a facer malabares con coronavirus.

Acompáñao en escena o esqueleto tranquilo ("que morreu cagando", ollo!). "Un pallaso non pode dar unha solución real, pero pode darlle a volta á curva de contaxios para que saia un sorriso", opina.

Abriron antes os bares que os parques

Do seu traballo con crianzas en condicións extremas, por exemplo en campos de refuxiadas, Peter Punk sinala a enorme capacidade de adaptación da cativada. "As nenas son nenas en calquera situación", di. Mais, nese senso, apunta que se cadra as institucións e a propia sociedade non estiveron á altura para telas en conta, como demostra que "abrisen antes os bares cós parques".

Volta á programación

Aínda que caeron as datas de abril a xullo, agosto non apunta mal. "Eu teño 18 espectáculos confirmados", comenta. O artista sinala a capacidade de adaptación das que fan traballo de rúa e a aposta no pequeno formato descentralizado en lugar de grandes eventos masificados como unha das chaves que algúns concellos xa estaban a seguir, facendo chegar a arte ás parroquias.

"Eu o único que necesito é un enchufe", di. Con todo, mostra cautela de cara a ver que acontece contra outubro e novembro. E, parafraseando a Leo Bassi, afirma que "a xente do circo vivimos permanentemente na incerteza". Veña o que veña, que nos colla co sorriso.

Comentarios