Peter Bagge: "Fales do que fales ou debuxes do que debuxes sempre vai haber alguén que se sinta ofendido"

Peter Bagge (Peekskill, Nova York, 1957), un dos grandes nomes da banda deseñada alternativa estadounidense, está estes días de xira pola Galiza grazas ás xestións da editorial La Cúpula. En Pontevedra inaugurou o pasado 16 de maio a exposición Todo o mundo é imbécil menos eu. Peter Bagge e o cómic Underground (Pazo de Cultura, até o 17 de xullo), a primeira gran mostra deste debuxante en todo o Estado español, comisariada por Kiko da Silva. Autor de obras como Neat Stuff (Mundo Idiota na Galiza, 1985-1989) ou Odio (1990-1998), pasou esta quinta feira por Compostela e o sábado estará na Coruña (Alita Cómics, 18 horas).   
O debuxante neoiorquino onte na libraría Kómic de Santiago de Compostela dentro da súa xira pola Galiza (Foto: Arxina)
photo_camera O debuxante neoiorquino onte na libraría Kómic de Santiago de Compostela dentro da súa xira pola Galiza (Foto: Arxina)

Despois de tantos anos traballando nel, como definiría a situación do cómic underground agora mesmo nos Estados Unidos de América?

Agora, como foi no seu momento, o cómic underground nos Estados Unidos de América segue a ser un mundo moi amplo e moi variado. Por este motivo non é moi doado definilo cunha única palabra. Eu polo menos non me atrevería a facelo. Na actualidade temos unha gran variedade de debuxantes de todo tipo.

Os problemas sociais que relataba nas súas primeiras obras, caso de Mundo idiota e Odio, seguen de actualidade ou cre que mesmo empeoraron?

Non sei se empeoraron, mais a xente é a mesma. A xente non cambia e os problemas que trataba daquela seguen aí vixentes.

Ten algún tema tabú que non se atreveu nunca a tratar nunha banda deseñada?  

Recoñezo que hai temas que, para min, é mellor non tratar. En todo caso, fales do que fales ou debuxes do que debuxes sempre vai haber alguén que se sinta ofendido por algo que fixeches. Nun principio ninguén che avisa de cales son aínda que sabes, por sorte, que as consecuencias non irán moi alá. Quero dicir que non che cortarán as mans ou algo así por escribir dun tema tabú.

Nos últimos anos ten realizado traballos relacionados con biografías de mulleres singulares, Zora Neale e Rose Wilder por exemplo. Cal é a razón do seu interese por esta temática? 

Hai moitas razóns e é moi longo de explicar como cheguei a elas. Fixen A muller rebelde (La cúpula, 2014), sobre a vida de Margaret Sanger, activista polo control da natalidade, educadora, enfermeira, e protofeminista, e Fire!!, A historia de Zora Neale Hurston (La cúpula, 2017), un dos nomes chave do denominado renacemento de Harlem. A terceira foi Credo (La cúpula, 2019), a biografía da escritora, feminista, correspondente de guerra e libertaria Rose  Wilder Lane.

Tiña moito interese en coñecer a época en que elas viviron, a segunda onda do feminismo, e tamén tiven en conta que foran mulleres estábeis a inicios do século XX. Ese interese levoume a lanzarme a facer as súas historias en banda deseñada. 

Atopa diferenzas entre o público do seu pais e o europeo? Aquí é un artista moi recoñecido e querido pola súa obra.  

Estou moi familiarizado co público de aquí, é algo do que estou falando moito estes días por onde paso e tamén nas miñas charlas. É certo o que dis, mais noto que o público aquí está máis interesado nos meus personaxes do pasado, pídenme moito por Buddy Bradley cando está algo desfasado dos actuais. 

O cinema e as plataforma dixitais seguen a trasladar numerosos traballos da banda deseñada á pantalla. Cre que é positiva esta relación entre mundos tan diferentes? 

Certo que no pasado houbo algo de interese en levar ao cinema algunhas obras mais nunca chegaron a bo porto. Eu mesmo traballei como guionista nalgún proxecto que ao final quedou en nada. Recoñezo que gañei diñeiro no seu momento con estes proxectos que nunca viron a luz. O peor é que é algo habitual que estas adaptacións non cheguen a realizarse nunca. Temos casos recentes neste sentido que o confirman.

Comentarios