CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Peter and the Test Tube Babies voltan a facelo

Peter and The Test Tube Babies non precisan case presentación a día de hoxe. En activo dende o 78 son unhas bandas máis irreverentes e lonxevas do punk británico. As súas letras transgresoras e satíricas, máis non por iso pouco traballadas, foron e seguen a ser o principal sinal de identidade da banda, que nos trae o seu novo traballo, That Shallot, para seguir revolucionando dende o lado máis provocador do punk.

Peter and The Test Tube Babies acaban de engadir un novo fito este pasado mes de agosto á súa carreira de provocación, xa que prohibiron ao seu cantante, Peter Bywaters, a súa entrada nos EUA para dar dun concerto. Ademais de serlle tomado o ADN e requisado o teléfono móbil, Bywaters  foi deportado ao Reino Unido. O motivo non foi outro que aparecer disfrazado de Trump na xira que a banda dera por Alemaña, feitos que foron denunciados polo propio Bywaters.

O adianto do álbum, que xa nos chegara tempo atrás, fora o espectaular None of your fucking bussines, no que atopabamos o espírito da banda durante estes case 40 anos acompañados de metais. Recoñezo que eu non son moi amigo de plasmar nun disco o que non vas plasmar en directo e está claro que a banda non vai xirar con metais, polo que agardei a escoitar o plástico completo antes de imaxinar se ían seguir con estes engadidos ou simplemente fora algo puntual.  Certamente, a sorpresa que levei ao escoitar o disco completo foi mínima. 14 temas de Punk  e Oi! de toda a vida pero cunha excelente produción. A banda demostra que nestes 40 anos non perdeu un ápice de frescura e este álbum é practicamente un agasallo de aniversario para os fans,  no que lles están avisando que banda pensa seguir por moitos anos.

Se Banned from the Pubs converteuse en todo un himno xeracional, Crap Californian Band pode ser o novo himno da banda para esta nova época. Totalmente festeiro e cantábel concentra todo o seu ser. Pero tamén achamos como as influencias externas da banda marcan este disco. Escoitando Youth of Today  viñeron lembranzas do estilo máis punk rock de Sham 69,  e con Silicone Beer Gut  invadiume totalmente o espírito do country & western, que chegou a desconcertarme. Máis, sen dúbida, é Tramp Killer,  que ben podería ser a nova banda sonora de James Bond,  o tema que máis me impresionou deste álbum, pola súa maxistral interpretación e sensibilidade. Mais a maior influencia e a deles mesmos, como mostran no tema de peche, Pissendenstein.

Pouco hai que dicir de Peter and the Test Tube Babies,  que eles mesmo no dixesen nestes 40 anos. Unha banda que ultimamente se prodiga pouco con novos traballos, pero moito nos escenarios seguindo a norma fundamental que di que se non é bo, mellor non editalo. Sen dúbida, a mellor norma a seguir para conseguir uns discos cun altísimo nivel, como é o caso deste que nos ocupa.

PETER AND THE TEST TUBE BABIES NAS REDES

Web: www.testtubebabies.co.uk

Facebook:  http://www.facebook.com/pages/edit/?id=105317342841289#!/pages/Peter-and-the-Test-Tube-Babies-Official/105317342841289

Twitter: @testtubes

LISTAXE DE TEMAS

1.-In Yer Face

2.-C U Next Tuesday

3.-None of Your Fucking Business

4.-Wrong

5.-Silicone Beer Gut

6.-Youth of Today

7.-Say What You Want

8.-Tramp Killer

9.-When Girlfriends Attack

10.-What Next

11.-Crap Californian Punk Band

12.-Honesty

13.-17 Red

14.-Pissedenstein

Comentarios