'A peste', en versión de Cándido Pazó, aterra en Compostela

O CDG estrea esta quinta no Salón Teatro
Presentación da obra 'A Peste', do Centro Dramático Galego (Xoán Crespo).
photo_camera Presentación da obra 'A Peste', do Centro Dramático Galego (Xoán Crespo).

O Centro Dramático Galego (CDG) estreará este 20 de xaneiro, en Compostela (Salón Teatro,  ás 20 horas), a versión teatral de Cándido Pazó da novela 'A peste', de Albert Camus. A obra presentouse onte en rolda de prensa como unha "metáfora" da pandemia na propia escenografía creada por Dani Trillo

O director recoñece as dificultades de enfrontarse a un "monumental reto" para a adaptación, mais defende que para iso existe "un teatro institucional" como o CDG. Por este motivo apostou por unha representación que dura case dúas horas e media e conta cun pequeno descanso de dez minutos.

Con todo, asegura que é unha montaxe "amena". O dramaturgo afirma que foron "moi libres" á hora de encarar a versión teatral, aínda que "ao mesmo tempo moi fieis" á súa "esencia", ao incluír as reflexións filosóficas de Camus. 

Unha "metáfora" cun gran elenco

Da obra, Pazó lembra que Camus escribiuna como unha "gran metáfora" do "inmensísimo desastre" da Segunda Guerra Mundial, mais agora, "como todo texto que se converte nun clásico", falará do que "os espectadores queiran entender".

"Segue sendo unha grandísima metáfora e así é como tratamos nós esta proposta", deixa claro indicando que é unha "alegoría de grandes hecatombes".

A obra conta con 15 actrices e actores, o maior elenco do CDG na última década. Participan Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante

Acceso desde outros municipios

'A Peste', a primeira peza do CDG en 2022, estará no Salón Teatro entre 20 de xaneiro e 13 de marzo. Serán un total de 40 pases de cuartas feiras a domingo. As entradas poden comprarse desde dúas horas antes no despacho de billetes, así como na web ataquilla.com.

O prezo das localidades é de 10 euros -o domingo, día do espectador, serán 6 euros-. Pola estrutura da montaxe estará no Salón Teatro e contratáronse autobuses para a asistencia desde unha ducia de municipios, tales como Rianxo ou Vilagarcía.

Comentarios