domingo 24/01/21
'De cando os animais cantaban' é o título deste traballo que se xestou durante tres anos

Tres Pesos volven á escena musical cun novo disco

O trío de música de raíz Tres Pesos chega este outono co seu segundo traballo discográfico, 'De cando os animais cantaban'. Un disco elaborado devagar que pretende ser unha reivindicación da actualidade de música tradicional e pola recuperación do hábito do campo nunha sociedade na que "todo o hai que facer a correr".
Os compoñentes de Tres Pesos, Estevo Lamas, Felisa Segade e José Antonio Ferreira, coñecido como Pepe de Calo. (Foto: Nós Diario)
Os compoñentes de Tres Pesos, Estevo Lamas, Felisa Segade e José Antonio Ferreira, coñecido como Pepe de Calo. (Foto: Nós Diario)

Tres anos tardou en chegar o segundo traballo da banda Tres Pesos, De cando os animais cantaban. Un proxecto discográfico que Felisa Segade, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) e Estevo Lamas empezaban a xestar en 2017 e que "por cousas da vida foi pospóndose até que cando nos decatamos estabamos en 2019" conta Pepe de Calo. 

"Decidimos que tiñamos que sacalo e a idea inicial era facelo en 2019, pero pouco a pouco metémonos en 2020 e cando o tiñamos case na man chegou o confinamento e tivemos que deixalo até setembro". "Cando por fin o rematamos, chegaron estas novas medidas de restricións", aseguran desde a banda. Así e todo, Tres Pesos quixo presentar o traballo nos medios "aínda que non puidéramos facer a xira que tiñamos prevista". 

Unha xira que se desenvolverá na primavera de 2021, "por locais pequenos, ademais de polo noso formato en trío, porque nos resultan os lugares nos que máis gozamos, coa xente en directo ao noso  carón". Pero De cando os animais cantaban non é só un disco para escoitar. "A maioría do noso repertorio está formado por músicas rítmicas, hai moita xota, maneo, danzas...", afirma Pepe de Calo. Así que "quen teña na cabeza bailar, vai poder bailar", recalca.

11+1 temas desde a música tradicional e até a poesía

De cando os animais cantaban xurdiu da necesidade de facer "traballo con máis pouso que o primeiro que realizamos, que foi desenvolto con máis présas, foi case que unha maqueta, cunha realización formal", cóntanlle a Nós Diario desde Tres Pesos. E nese proceso no que foron creando temas e presentándoos durante as actuacións en directo tamén houbo un oco para a musicalización de poemas, un traballo que "despois quedou nun caixón porque non acababa de callar", din, "quedamos coas músicas e probamos a facer unha letra", que deu nunha canción distinta. 

E así nacen eses 11+1 temas, porque "o último non é un tema en si de Tres Pesos, nin pola forma nin polo fondo". "Trátase dunha canción que xurdiu case de casualidade". Conta Pepe de Calo que "está cantando pola compañeira do acordeonista, que acababa de ter unhas xemelgas". "Ela ten unha voz preciosa e decidimos incluír ese 11+1", destaca, e engade que "realmente ese tema, aínda que podería ser de Tres Pesos, está fóra da liña que levamos máis tradicional e de recolleita".

O canto como axuda para "mastigar" as sensacións

Na súa comunicación, Tres Pesos definen De cando os animais cantaban como un traballo "cos pés na música de raíz disposto a competir". Neste sentido, Pepe de Calo afirma que "os tres compoñentes levamos moitos anos na música tradicional e percibimos que hai un sector da sociedade que está como bloqueado fronte a ese tipo de música". "Non obstante", engade, "chegamos aos concertos e vemos todo o contrario", o que deixa patente que é un tipo de música que gusta e co que se pode competir.

"Temos claro que a música de raíz, a música tradicional, pode resultar atractiva para calquera persoa e pode producir sentimentos interesantes", recalcan.

Así mesmo, "tal e como percibimos o canto e a música tradicionais desde Tres Pesos", explican "sempre se levaba a cabo na relación social, a xente cantaba cando estaba de festa e tamén cando traballaba". "Calquera persoa ten a lembranza dun familiar que cantaba mentres facía outras cousas", di Pepe de Calo, "e vemos con mágoa que iso se está a perder, porque non vai da man desta sociedade de andar a correr, sempre con présa e con todo para onte". E puntualiza, "queremos reivindicar o gusto polo cantar e a sensación de desafogo cando cantas, porque co canto podes transmitir sensacións pero tamén mastigalas e curalas".

comentarios