Pesar polo falecemento de Xerardo Moscoso, cofundador de Voces Ceibes, actor e director teatral

Naceu en México, fillo de emigrantes galegos e veu a Galiza para estudar Medicina, implicándose no movemento da canción de intervención.

 

xerardo moscoso

Este domingo morreu en México Xerardo Moscoso Caamaño aos 76 anos de idade, cantautor cofundador do movemento Voces Ceibes, médico, actor e director de teatro. Moscoso naceu en México, fillo de emigrantes, e veu a Galiza na década dos 60 a estudar medicina en Compostela. 

Na capital galega participou das mobilizacións estudantis do ano 1968. Nesa mesma época entrou en relación con diversos integrantes da canción, participando no recital do 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, canda Benedicto, Xavier del Valle, Guillermo Rojo e Vicente Araguas. Aí estivo, no nacemento do movemento Voces Ceibes, do que el mesmo recoñeceu nunha entrevista que “estabamos sós ante o perigo”.

En 1973, en Pontevedra, foi ameazado de morte na rúa (“roxo cabrón, vas morrer”) por un falanxista que sacou unha pistola, sendo a intervención de viandantes providencial para evitar unha traxedia, Moscoso decidiu presentar unha denuncia mais ao facelo saíron á luz unha manchea de cargos contra el pola súa implicación política.xm

Decidiu entón, canda un compañeiro, marchar esa mesma noite para Suíza. Pasou os seguintes anos entre ese país e Francia. Moscoso retornou do exilio en 1976, mais non se recoñeceu a nacionalidade española e non se lle dou permiso para actuar polo que tivo que acabar retornando a México, 

En 1977 saeu á luz o que foi o seu primeiro e último LP Acción Galega, parte del gravado durante a estancia en Suíza, case sen medios nin asistencia profesional.

En México, Moscoso foi actor de cinema e teatro, así como director teatral. Un mundo, o do teatro, no que tanén se introducíu na Galiza, onde estivo na creación do grupo 'Santa Compaña'.


 

Comentarios