Cultura

A arte galega tras o confinamento, aínda máis precaria

Os museos e galerías galegas van recuperando progresivamente a actividade no seu avance cara á nova normalidade. A adaptación dos protocolos de seguridade está a ser máis difícil nuns casos ca noutros. Nós Diario conversa con diferentes perfís do mundo da arte para explorar as principais dificultades e desafíos que afronta o sector, xa de seu dominado pola precariedade, nestes tempos de COVID-19, con especial atención á desconformidade expresada por grupos sectoriais como A Colectiva ante as medidas de reactivación anunciadas en maio pola Xunta. 
A obra 'Rotación', de Menchu Lamas, é unha das incluídas na mostra 'Wonder Women' do CGAC (Mark Ritchie)
photo_camera A obra 'Rotación', de Menchu Lamas, é unha das incluídas na mostra 'Wonder Women' do CGAC (Mark Ritchie).

As instalacións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollen desde hoxe Wonder Women, a primeira exposición que bota a andar nelas, e en toda a cidade de Santiago de Compostela, após a crise da COVID-19. A mostra, aberta até 6 de setembro e comisariada polo director do centro, Santiago Olmo, repasa os cambios producidos ao longo das últimas décadas no mundo da arte contemporánea a través de obras da colección do centro realizadas por artistas mulleres.

Tamén en Ferrol o concello anunciou a reapertura o próximo 23 de xuño do centro cultural Torrente Ballester coa exposición Eau de femme, comisariada pola artista Dulce Anca. Igualmente, os catro centros da Rede Museística de Lugo retomarán as visitas presenciais a partir da sexta feira 26 de xuño. Así, os museos van recuperando timidamente a actividade ao longo do país. Mais que desafíos enfronta o mundo da arte nestes tempos estraños?

A crítica e comisaria Mercedes Rozas sinala que o sector da cultura é o último que se ten en consideración nestas circunstancias. "Hai moitos museos que se están esforzando para retomar a actividade, sen axudas por parte da Administración, ou con achegas mínimas", denuncia. Neste senso sinala –para alén da retirada de apoio a eventos dinamizadores en Ourense, da que esta cabeceira daba conta a pasada quinta feira a raíz do acontecido coa última vítima, a Mostra Internacional de Teatro de Ourense (Miteu)– o anuncio da desaparición da sala Valente, localizada no antigo Banco de España, para ser transformada nun edificio de oficinas. Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde da cidade das Burgas, xustificou a medida coa afirmación de que os tres grandes centros expositivos, o Museo Municipal e o centro cultural Marcos Valcárcel, xunto á devandita sala, están "infrautilizados e non reciben o público que deberían".

Agravar o crítico

Segundo opina o artista plástico Caxigueiro, se "a situación antes non estaba ben –a arte nunca estivo normalizada–, seguimos na mesma tónica". Durante os meses de parada por mor da pandemia, cos espazos expositivos fechados, moitos postos de traballo estiveron en perigo, ou mesmo poderían seguir a estalo, con risco de desaparición para algunhas galerías, en situación moi precaria. É por iso que Caxigueiro valora a situación como de "crise total".

"A situación antes non estaba ben e seguimos na mesma tónica", afirma Caxigueiro

Miguel Anxo Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e experto en arte contemporánea, refire unha actualidade marcada polos cambios, coa impresión de que moitas persoas fican "descolocadas". Ao tempo, percibe certo "medo" de cara ao impacto que esa nova normalidade vai ter nas "dinámicas de institucións e do propio colectivo" de artistas. "Os espazos de arte son tamén espazos sociais", indica, e nun tempo no que se demanda o descenso das relacións humanas directas parece lóxico pensar nunha mudanza "moi radical".

Doutra banda, semella que as novas dinámicas traerán menos exposicións, o que tamén afecta á actividade artística. No económico, a previsíbel crise que se aveciña terá probabelmente repercusión negativa "a nivel de encargos", conclúe Rodríguez.

Protocolos sen axuda

Segundo apunta Rozas, boa coñecedora do funcionamento interno de museos e galerías, moitas instalacións están atopando dificultades para se adaptaren aos protocolos proporcionados polo Goberno estatal ou galego, dependendo das características concretas do lugar. "A Xunta dá padróns, pero os museos ou salas moitas veces non poden levalos a cabo", indica. Neste senso, a crítica reivindica a necesidade de axudar á implantación deses protocolos, para que isto "non sexa unha escusa para fechar ningunha sala".

Ademais disto, as necesidades do sector pasan para Rozas polo apoio económico da Consellaría de Cultura, para pór en marcha axudas encamiñadas a mantelo a flote. Pois este eido, segundo destaca, non se cingue só á perspectiva máis institucional dos museos ou salas expositivas, senón que cómpre ter en conta todas as persoas que o arrodean, moitas delas autónomas ou empresas que engloban desde os traballos de deseño gráfico até os de montaxe. Todos estes ámbitos forman parte tamén do emprego creado polo mundo da arte. "Cando comezou o estado de alarma, eu estaba cunha exposición na Coruña e detrás había 12 empresas", ilustra Rozas.

Rozas observa a situación actual  como unha oportunidade para reivindicar a riqueza artística do país

Caxigueiro suxire, desde a súa óptica persoal, a pertinencia de axudas directas que dean resposta aos problemas actuais, así como a adquisición da obra de artistas da Galiza por parte da Administración, con especial mención para as máis novas.

As liñas anunciadas no Plan de reactivación da cultura e do turismo da Xunta comprenden, no que atinxe á arte, un orzamento de 365.000 euros na tipoloxía de "novas medidas", con axudas á creación para "artistas e comisarios menores de 35 anos" ou epígrafes pouco concretos de apoio ás actividades da Asociación Galerías de Arte Contemporánea. Tamén se sitúa o Encontro de Artistas Novos (EAN), unha iniciativa que non pode considerarse específica, pois trataríase da décima edición, ao igual que as subvencións para asistencia a feiras fóra da Galiza, de convocatoria anual. Estes aspectos provocaron o rexeitamento da Colectiva, a Asociación Profesional de Artistas da Galiza, sumado ao foco feito nas xeracións de artistas máis novas, sen ofrecer outros apoios para o resto de franxas de idade.

Unha oportunidade

Sen caer no pesimismo extremo, Rozas observa a situación actual como unha oportunidade para reivindicar a riqueza artística que temos no país. "Agora vai ser moi difícil traer unha peza de Francia, por exemplo, só poderán facelo aquelas institucións cuns recursos importantes", valora. Porén, pode ser un bo momento para "recuperar artistas" ou "expor aquelas que están traballando nos obradoiros" e precisan, xustamente, visibilidade.

Comentarios