CONTRACULTURA

Xosé Antón Cascudo: "As personaxes de 'Mad Men' encarnan moitos dos problemas que relatou Betty Friedan"

Xosé Antón Cascudo, escritor, foi galardoado co Premio Ramón Piñeiro polo seu ensaio A mística da feminidade en Mad Men. Cascudo aborda os diferentes elementos presentes na serie, como as relacións de poder ou os procesos de cambio, porque, como el di, “o enorme poder da ficción televisiva reside en que ao final coñeces todo das personaxes”.
O escritor, Xosé Antón Cascudo.
photo_camera O escritor Xosé Antón Cascudo. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu A mística da feminidade en Mad Men?
Eu estaba interesado en estudar os cambios que se están producindo a todos os niveis no ámbito da ficción televisiva: relato, produción, distribución. Porque desde 2000 houbo unha eclosión de series paradigmáticas como Os Soprano, The wire ou A dous metros baixo terra. 

Fun afondando na historia de Mad Men porque me parecía unha obra moi complexa, con moitas capas, e na que se trataba un momento histórico que tamén me interesaba: os 60, a pegada da contracultura e os cambios a nivel musical ou cinematográfico. Tamén había outros aspectos que me resultaban rechamantes, como o uso da publicidade ou a construción de personaxes. 

Paralelamente, comecei a ler A mística da feminidade de Betty Friedan por curiosidade, porque nunca o lera. As personaxes de Mad Men encarnaban dalgunha maneira, ou correspondíanse, con moitos dos problemas que Friedan relataba nesa obra. Eran problemáticas que estaban aí latentes para as súas concidadás estadounidenses e que se poñían de manifesto en case todas as figuras femininas de Mad Men. 

—Cal foi o proceso de construír o ensaio?
Basicamente, meterme a fondo nas tramas, facer escaletados de capítulos da serie que me interesaban moito, relacionar unhas cousas con outras e analizar o enorme subtexto que hai. É unha serie que se constrúe moito polo poder da suxestión e da imaxinación; de feito, ten unha posta en escena que podería ser catalogada como exuberante. É moi interesante como nas tramas está habendo un proceso de cambio que case non é percibido polos ollos da persoa que ve as escenas, senón que está agochado por un deseño de produción moito máis evidente. 

Outro aspecto interesante son as personalidades tan fortes que hai, por exemplo a de Don Draper, o protagonista, e foi un proceso de descuberta, de ver unha e outra vez a serie. Son arredor de 70 horas de metraxe, polo que unha única visualización son tres días da túa vida que estás dedicando a isto. Probabelmente eu fixen dúas visualizacións enteiras, de principio a fin, e logo bastantes máis de capítulos soltos e secuencias concretas que me interesaban.

—Ao final, a ficción televisiva permite coñecer moitos aspectos das vidas que retrata.
Precisamente, o seu enorme poder reside en que ao final coñeces todo das personaxes. Nun filme, por moi ben escrito que estea o guión e aínda coñecendo a visión de quen o dirixe, podes intuír moitas cousas, mais concretas hai poucas. 

Nesas 70 horas méteste no fogar dos Draper, é como se vivisen na túa casa. O nivel de análise que podes facer é moito máis potente e profundo que nun filme. De feito, outra das ideas que me suxería esta serie é o nivel de coñecemento que pode chegar a emanar unha ficción televisiva a todos os niveis. Nesa dupla de ocio e negocio tamén hai unha terceira pata que é a produción de coñecemento. 

Evidentemente é unha realidade estilizada, mais isto é unha análise feita en 2023 sobre unha serie que se emitiu desde 2007 até 2013 e que está ambientada entre as décadas dos 60 e os 70. Cambian moito as perspectivas, o pensamento, 
a ideoloxía... 

O reto era ir a eses anos 60 coa nosa mirada contemporánea e analizar o que ocorre. A cuestión das relacións de poder na serie tamén é moi interesante porque, nunha soa secuencia, hai un personaxe que ten unha relación de poder sobre o outro e acábaselle dando a volta de forma que ese personaxe perde o poder e pasa a ostentalo outro. Non sei como son os demais ensaios que se escriben, mais polo que se adoita publicar foi unha grata sorpresa recibir este premio e até diría que hai unha certa valentía ao premiar unha temática tan novidosa, cando menos na Galiza.

Comentarios