O filme 'Entre a onda e a rocha' estréase en nove salas

As persoas detrás da épica percebeira

Enfróntanse cara a cara co mar bravo de occidente. Desafían a potencia desatada da natureza. Obteñen, a cambio e se sobreviven, o cotizado froito do pollicipes pollicipes. Até aquí, o relato metade épico, metade romántico, que acompaña os percebeiros. Pero detrás del existen as persoas. Sobre elas trata o documental Entre a onda e a rocha, que esta sexta feira se estreou en oito salas galegas e unha madrileña.
 

entre a onda e a rocha - fotograma 2
photo_camera Fotograma de 'Entre a onda e a rocha'. Imaxe: cedida.

“Cando se trata dos percebeiros sempre se fai cun toque mitolóxico. Nas reportaxes de prensa, mesmo na BBC. Parece que non son persoas. Ou que estas non existen. Nós buscabamos esas persoas que están detrás desa idea”, explica a Sermos Galiza o director do filme, Manuel Lógar (A Coruña, 1993). Para concretar esa procura, este cineasta, formado na Escola de Cinema de Catalunya, decidiu pescudar no litoral que vai da Costa da Morte ao Golfo Ártabro. Aínda que, por imprevistos, acabou concentrado en Muxía.

entre a onda e a rocha - fotograma

“Queriamos rodar en Corme, en Muxía e na Coruña. Pero a nosa protagonista de Corme, unha percebeira, lesionouse. Decidimos centrarnos en Muxía”, di, “para non perder o fío indo dun lado a outro”.  Entre a onda e a rocha, con todo, é un rexistro coral, en que se entrecruzan os puntos de vista e se compón un fresco dunha das actividades máis atractivas, perigosas e, dalgunha maneira, incomprendidas do sector primario.

Xustamente sobre ese paradoxo traballou Lógar e o seu equipo. “Intentamos unha mestura estraña de cinema social e lirismo”, expón, “poñer os pés no chan, contar a realidade do que acontece”. Non renega da ollada usual virada case “á maxia”, pero matízaa. Porque a súa obra vai máis alá da captura do percebe e fala tamén “da crise do rural e da destrución do medio ambiente”. Aí percibe certa distancia crítica coa xeración cinematográfica inmediatamente anterior.

“O Novo Cinema Galego, xente de 35 anos máis ou menos, estase achegando ao rural, pero faino cun aspecto como de maxia que non acaba de convencerme, aínda que ás veces a use”, sinala. O director de fotografía Mael Santiago, venezolano, ratificábao. “Mael dicía que en Galiza era moi doado rodar paisaxe, que puñas a cámara en calquera lugar e xa a tiñas”, asegura Lógar, “e, porén, nós non queriamos a natureza virxe, nin xigante. Toda a paisaxe da película está atravesada pola loita co ser humano”. Entre a onda e a rocha non disfraza o territorio: aeroxeradores ou o tendidos eléctricos sucan as imaxes.

entre a onda e a rocha - fotograma 3

Percorrido internacional


Antes da estrea comercial en salas deste 22 de marzo, o filme de Manuel Lógar percorreu unha longa lista de festivais. Viuse na Semici de Valladolid ou no de Ourense, e tamén pasou por Alaska, Arxentina, China ou Irlanda. As reaccións internacionais á documentación destes homes e mulleres ao bordo do abismo oceánico abalaban do descoñecemento á empatía.

“Hai moita xente que descoñece os percebeiros. Mesmo en Barcelona, entre os meus compañeiros da Escola de Cinema”, relata, “pero axiña hai identificación con eles. Sobre todo de persoas de lugares pequenos onde se dan traballos do sector primario, mariñeiros, mineiros...”. Ao cabo, a historia que desprega Entre a onda e a rocha é tamén a da loita pola dignidade do traballo. “Todo o mundo a comprende e identifícase”.

Manuel Lógar, cuxo empeño sacou adiante un proxecto totalmente autoxestionado, estará o domingo 24 de marzo nos Multicines Compostela, un dos cinemas que proxecta a fita a partir desta sexta feira.

Nota: fotogramas de Entre a onda e a rocha.

Comentarios