O FIOT máis feminista

As periferias sobre as táboas de Carballo

O mellor da escena galega e estatal dáse cita en Carballo durante o mes de outubro, no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Do 27 de setembro ao 1 de novembro xéneros e formatos do máis diverso, do máis popular á vangarda, poboan 38 espectáculos que levarán a Carballo unha panorámica da escena nacional e internacional máis comprometida, a través da denuncia e a reflexión sobre o feminismo, a violencia e a xenofobia.
[Foto: Kamikaze Producciones] Jauría
photo_camera [Foto: Kamikaze Producciones] Jauría

As follas caen das árbores e as cores ocres conquistan a paisaxe. Porén, en Carballo, a chegada do outono xa é sinónimo de teatro. A capital bergantiñá volve, un ano máis, a se converter en referente cultural, marcada pola potente programación teatral do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). A vixésimo oitava edición trae nove estreas absolutas e oito na Galiza, con especial atención ás periferias, ofrecendo un espazo de visibilidade e reflexión sobre conflitos e loitas ignoradas que se escriben en feminino.

Teatro comprometido

Os feminismos, nas olladas das mulleres creadoras e protagonistas, deixan o seu selo no teatro social e político que conforma a programación do festival. Pasarán polo FIOT algunhas das dramaturgas e directoras máis recoñecidas do panorama estatal, dando voz a conflitos colectivos que se sitúan nas marxes da sociedade. Así, en Juguetes Rotos, Carolina Román constrúe o relato dun transexual na España dos 60. Chicas y chicos, de El Sol de York, dirixida por Lucía Miranda, propón a súa particular reflexión sobre a masculinidade e as consecuencias da violencia de xénero sobre os menores.

Pasarán polo FIOT algunhas das dramaturgas e directoras máis recoñecidas do panorama estatal, dando voz a conflitos colectivos que se sitúan nas marxes da sociedade

Jauría, de Kamikaze Producciones, traslada unha dramaturxia de Jordi Casanovas dirixida polo gañador do Premio Nacional de Teatro Miguel de Arco, nunha obra documental sobre o xuízo da Manada ante a que as espectadoras dificilmente poden ficar indiferentes. Nela participan María Hervás (premio MAX á mellor actriz por este papel) e o galego Martiño Rivas. En La Golondrina, Carmen Maura dá vida a un texto de Guillerm Clua, co pano de fondo do terrorismo e a homofobia.  

Por outra banda, a polifacética actriz Patricia de Lorenzo recibe o premio Xograresa de Outono, un nomeamento honorífico que recoñece a promoción do teatro na Galiza das tres décadas que leva no mundo da interpretación. A homenaxeada foi unha das “alma mater” e piar fundamental da compañía Chévere, tanto dentro como fóra dos escenarios, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción.

Tecer rede

O FIOT fai 28 anos de traballo cos que conseguiu afianzar unha estrutura para as artes escénicas na comarca e se converter en referente na Galiza. Proba disto son as estreas de producións galegas, de compañías quer históricas, quer emerxentes, que compoñen o seu programa. Destacan Medida x Medida (Producións Excéntricas), de Quico Cadaval, unha obra que o pasado venres 5 de outubro revelaba “unha cara escura da sociedade aínda moi vixente, onde non se ten en conta a vontade da muller e o abuso sexual é moeda de cambio”.  Por outra banda, O Electo (Contraproducións e Focus), dirixida por Cándido Pazó, presenta un espectáculo no que o presidente do goberno enfronta a súa incapacidade para pronunciar o discurso de investidura.

O FIOT fai 28 anos de traballo cos que conseguiu afianzar unha estrutura para as artes escénicas na comarca e se converter en referente na Galiza

O FIOT destaca tamén polo fomento e creación de novos públicos a través da promoción de espazos dirixidos aos máis novos, como o Fiotiño e o FioTEEN, con espectáculos como AKA (As Known As) de Flyhard ou Por unha peseta de Apatacón (Vero Rilo e Faia Díaz). Outras propostas procuran sacar o teatro dos seus habituais lugares de representación, como as Micro-Escenas Metro Cadrado ou o Teatro de Rúa. Carlos Branco, Rodrigo Cuevas ou Federico Pérez son algúns do nomes que encherán os locais de hostalaría e o mercado municipal coa Rúa dos Contos, un ciclo de narración oral que fai xa 21 anos. Con Dálle un bocado ao fiot, os bares e restaurantes de Carballo ofrecerán aperitivos inspirados no mundo teatral.

[Foto: Producións Excéntricas] Medida x MedidaDo clásico á vangarda

Os clásicos tamén terán o seu espazo: dúas obras revisitan Shakespeare desde a ollada contemporánea. Alén da xa mencionada Medida x Medida dirixida por Cadaval, o Hamlet da recoñecida Companhia Chapitô portuguesa porá a nota lusófona a través do teatro xestual. Será dentro das apostas formais máis arriscadas e innovadoras do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), á que se sumou o pasado domingo 6 de outubro a do israelí Kulu Orr, no seu hilarante e tecnolóxico Control freak.

Do máis rupturista ao máis convencional, narrativamente falando, Todas hieren y una mata, a primeira comedia en verso do século XXI, ofrece unha obra única creada á maneira dos grandes autores do Século de Ouro polo dramaturgo Álvaro Tato. A adaptación de Fariña, o ensaio do xornalista Nacho Carretero, por Tito Asorey, protagonizada por Xosé A. Touriñán e  Cristina Iglesias, porá o peche á gran cita do teatro en Carballo.

Comentarios