O Pergameo Vindel exporase finalmente no Museo do Mar

Xa hai solución para o culebrón cultural dos últimos meses en Vigo. A Xunta de Galicia vén de acudir ao rescate, logo das desavinzas do Concello coa Universidade de Vigo, para traer finalmente a Galiza o Pergameo Vindel, a xoia da litetura medieval galega: o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax. 

pergameo1
photo_camera Presentación do acordo, con Román Rodríguez, conselleiro de Culutra, e Salustiano Mato, reitor da UVigo

Un dos acontecementos máis agardados do 2017 era o regreso do Pergameo Vindel a Galiza como parte dunha exposición e un congreso sobre o tema. Pero o asunto paralizárase por mor das desavinzas entre Concello de Vigo e Universidade. O que inicialmente se anunciara como unha exposición no Marco, titulada 'Os tesouros da cidade', pasará ao Museo do Mar de Vigo (propiedade da Consellaría de Cultura) e chamarase 'Berce da nosa cultura'. 

pergameo-vindel

Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o pergameo, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego-portuguesa, será o eixo central da exposición 'Berce da nosa cultura' que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador.

O que inicialmente se anunciara como unha exposición no Marco, titulada 'Os tesouros da cidade', pasará ao Museo do Mar de Vigo (propiedade da Consellaría de Cultura) e chamarase 'Berce da nosa cultura'

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, foron os encargados este mediodía de dar a coñecer os detalles do regreso do Pergamiño Vindel a Galicia, onde chegará procedente de Nova York, tras máis de corenta anos depositado no Morgan Library Museum, propietario da obra desde a década de 1970. De “magnífica noticia para Galiza” cualificou o reitor o retorno a Vigo do pergamiño, “berce da nosa lingua, que amosa por onde e cando naceu unha parte importante da nosa identidade”, dixo Mato. Pola súa banda, Román Rodríguez, cualificou o día de hoxe “como brillante para a cultura galega”, por ctraer a Galiza “o que algúns consideran a acta fundacional da lingua galega”.

O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do pergamiño, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas. Ademais de acoller o Pergameo Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición 'Berce da nosa cultura', comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergameo a Vigo. 

Comentarios